A futura planta de hidróxeno verde de Foresa en Caldas promete traer máis emprego e menos contaminación

Umia
12 de xaneiro 2023

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou a fábrica para destacar o investimento inicial de 5,2 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno

Visita do delegado do Goberno, José Miñones, á fábrica de Foresa en Caldas Delegación del Gobierno

O proxecto Green Umia, que dotará dunha planta de hidróxeno verde á localidade de Caldas de Reis, foi presentado este mércores aproveitando a visita do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, á factoría de Foresa.

O representante do Estado destacou a aposta do Goberno pola transformación do modelo produtivo galego coa achega de 5,2 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para executar esta iniciativa.

"O Plan de Recuperación do Goberno chega á industria galega e nos permitirá avanzar na transformación do modelo produtivo da nosa Comunidade”, destacou o delegado. Miñones recordou que dous tercios do investimento do Plan de Recuperación están centrados na transición enerxética e que as enerxías renovables son unha prioridade para o Goberno e unha gran oportunidade para Galicia.

Ademais, felicitou aos promotores do proxecto Green UMIA - H2 Galicia, Iberdrola e Foresa, por esta iniciativa que coa que Galicia se sitúa como referente a nivel internacional e por obter a máxima puntuación entre todos os proxectos en concurrencia competitiva na convocatoria de axudas do Ministerio de Transición.

O delegado estivo acompañado durante a visita do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey; os membros da dirección de Foresa, Begoña Gómez e Jesús Gómez; a directora da planta de Caldas, Beatriz Lagares; o delegado institucional de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, e outros cargos de ambas as empresas.

“A transformación do noso modelo produtivo está en marcha e Galicia é unha potencia en renovables e o PERTE de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento é unha gran oportunidade que a industria galega xa está a aproveitar", declarou a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, que tamén participou na visita.

O proxecto Green Umia – H2 Galicia foi o proxecto mellor valorado polo Ministerio no marco do “Programa H2 Pioneiros” e é unha das tres novas plantas de hidróxeno verde que impulsa o Goberno en Galicia cun investimento de 32 millóns de euros. Xunto á de Caldas, tamén está proxectada unha nas Pontes e outra no porto de Vigo. 

A planta de Caldas suporá unha redución de 58.000 toneladas de dióxido de carbono durante os seus primeiros dez anos de funcionamento. 

Este PERTE creará 280.000 postos de traballo en todo o país e contribuirá á creación de emprego de calidade, a garantir a transición enerxética e a afianzar o futuro da industria galega.

José Miñones puxo a Foresa como exemplo da industria pola que aposta o Goberno no marco da transición ecolóxica, “un tecido industrial vivo, que xera emprego de calidade, que é competitivo e que impulsa a descarbonización da nosa economía”.