O sinxelo xesto da futbolista Paula Dapena, de costas e sentada, durante o minuto de silencio en homenaxe a Maradona, deu a volta ao mundo recibindo innumerables aplausos e eloxios, algúns de destacadas personalidades.
Sen dúbida ese tipo de respaldos son importantes pero hai outros que son fundamentais: o apoio dos teus que axuda a manter a confianza e loitar con todas as forzas polas nosas conviccións. Iso é o que obtivo Paula Dapena este sábado.
A xogadora do Viaxes InterRías recibiu o agarimo e o respaldo das súas compañeiras de equipo e do club. Un xesto que visibilizaron coa entrega dunha camiseta asinada por todas as futbolistas e polo corpo técnico.
Este emotivo detalle tivo lugar este sábado ao comezo do partido entre o InterRías e o Vitoria FC de Santiago. O primeiro encontro que disputan despois do da polémica.
Precisamente agora que a camiseta de Paula co número 6 converteuse en todo un reclamo o club encargoulle unha co seu nome xa que ata o de agora as xogadoras só levaban o dorsal.