Ana Pastor e Pedro Puy, deputados do Partido Popular no Congreso, mantiñan unha reunión con integrantes da Fundación Galega Contra o Narcotráfico, acompañados por representantes do grupo municipal do PP en Vilagarcía.
Durante o encontro analizaban a situación actual do narcotráfico e as posibles medidas que se deben adoptar para facer fronte a esta problemática.
A Fundación Galega Contra o Narcotráfico presentaba un documento con propostas para mellorar a loita contra o tráfico de drogas en España, un traballo realizado tras manter reunións con xuíces, avogados e forzas de seguridade.
Fernando Alonso, xerente da Fundación, manifestaba que a intención é que o plan poña na primeira liña de debate o problema do tráfico de drogas para reverter a situación actual. Puxeron como exemplo o asasinato de dous axentes da Garda Civil en Barbate.
Detectan que estas accións de movemento de droga continúan aumentando en moitas zonas de España onde a criminalidade derivada do narcotráfico comeza a ser "crítica".
Alertan da falta de medios humanos e materiais das forzas de seguridade para facer fronte á situación; a saturación dos xulgados que imposibilita axilizar as condenas e a necesidade de plans específicos en cada zona, entre outras cuestións.
Os representantes populares, a través de Ana Pastor, manifestaban que se trata dun problema moi grave tanto a permisividade como a falta de sensibilidade social e política con esta situación. Avoga por un aumento das penas aos narcotraficantes e comprometeuse a solicitar a intervención de integrantes da Fundación no Parlamento.