A Fundación A.M.A., presidida polo Dr. Diego Murillo, designou as10 entidades beneficiarias da convocatoria do Proxecto Comedores Sociais dentro do Plan de Actuación 2021. Esta actividade, dotada con 50.000 euros, está dirixida a financiar entidades que desenvolvan actividades en comedores sociais, repartición de alimentos, bolsas de alimentación, comidas/ceas solidarias etc., entre persoas con escasos recursos económicos e en risco de exclusión social.
Desde o pasado ano 2020 a actividade dos comedores sociais experimentou un notable incremento como consecuencia da crise causada pola pandemia do Covid-19, que provocou que o número de persoas que se ven na necesidade de solicitar axuda para cubrir as súas necesidades básicas de alimentación e hixiene aumentase considerablemente, véndose obrigados a recorrer ás axudas de institucións sociais para que lles faciliten os medios básicos para poder subsistir dignamente.
As 10 entidades beneficiarias do ano 2021 que recibirán cada unha delas 5.000 euros como donativo da Fundación A.M.A. son a Asociación Leonesa da Caridade, para o seu comedor social que serve comidas os 365 días do ano co obxectivo de cubrir as necesidades básicas de alimentación; o Comedor Social de Triana en Sevilla, que entrega unha media de 200 comidas diarias; e a Parroquia Santa Ángela da Cruz xestionada polos Padres Agustinos que atenden semanalmente as necesidades alimenticias de familias do barrio de Peñagrande de Madrid.
Resultaron tamén seleccionados o Comedor Beneficio Social da Institución Padre Rubinos da Coruña, que cobre as necesidades de manutención de persoas sen fogar e en situación de emerxencia social; o Proxecto COR_IESU, unha rede de economatos para a axuda á alimentación xestionado por Cáritas Diocesana de Toledo; e o Comedor da Obra Social A Milagrosa de Cáceres que proporciona comida elaborada para o xantar e a cea para persoas en situación de exclusión social.
Ademais, beneficiáronse do proxecto Aldeas Infantiles SOS Galicia para o proxecto de entrega de alimentos a familias con menores a cargo incluídas nos catro Centros de Atención de Día de Pontevedra; a Irmandade do Rocío de Moratalaz (Madrid) para o seu proxecto de entrega de froitas, verduras e alimentos non perecedoiros ás persoas máis desfavorecidas do barrio; Cáritas Parroquial Sant Josep de Badalona para o seu proxecto de tarxeta moedeiro que permite ás persoas beneficiarias a compra con autonomía nos establecementos comerciais de Alimentación; e Educo Valencia para o seu proxecto de Bolsas comedor que garanten unha comida completa e saudable ao día a nenos e nenas en situación de risco de pobreza e exclusión social nos comedores escolares.
Para a Fundación A.M.A. é unha prioridade xestionar recursos destinados aos comedores sociais para dar resposta ás necesidades de miles de familias cuxa situación económica empeorou durante a pandemia.