A folga da quenda de oficio chega aos casos de violencia de xénero de Marín cunha baixa masiva de avogados

Pontevedra
13 de xuño 2024

O 13 de xuño enviaron de forma masiva un escrito dirixido á Xunta de Goberno Colexio de Avogados de Pontevedra comunicando a súa baixa para partir do 1 de xullo. Na actualidade, 18 avogados prestan servizo na quenda de violencia de xénero en Marín e pediron a baixa 17

Protesta e recollida de firmas dos avogados da quenda de oficio na Parda Mónica Patxot

A folga da quenda de oficio que manteñen avogados de toda España desde o pasado mes de novembro deu un paso máis en Marín. Esta semana, rexistrouse unha baixa masiva de letrados na quenda especial de violencia de xénero deste partido xudicial

Avogados consultados por PontevedraViva explican que este xoves 13 de xuño enviaron de forma masiva un escrito dirixido á Xunta de Goberno Colexio de Avogados de Pontevedra comunicando a súa "baixa na quenda de Violencia de Xénero".

A decisión será efectiva a partir do 1 de xullo de 2024, segundo consta neses escritos, aos que tivo acceso este xornal. Desta forma, a partir dese día, as vítimas de violencia de xénero deste partido xudicial non terán asesoramento de xustiza gratuíta. 

Na actualidade, 18 avogados prestan servizo na quenda de violencia de xénero en Marín e pediron a baixa 17. Ademais de elaborar escritos individuais, fixeron unha solicitude conxunta a través dunha única representante.

Esta medida é resultado da evolución da folga que manteñen os avogados e tamén unha reacción directa á decisión da Audiencia Provincial de Pontevedra de deducir testemuño a un avogado do partido xudicial de Cangas que non acudiu a unha vista por estar a exercer o seu dereito á folga.

Este letrado comunicou por escrito con antelación a súa incomparecencia por folga, pero foi igualmente sancionado e a semana pasada os avogados de Cangas xa decidiron unha baixa masiva da quenda de oficio de violencia de xénero en sinal de protesta. Logo tomaron a mesma decisión en Lalín e agora súmase Marín.

Esta decisión implica endurecer a folga indefinida de avogados e procuradores convocada polo sindicato Venia e insistir nas súas reivindicacións, centradas en dignificar a profesión e, de forma específica, o exercicio da Xustiza Gratuíta.