A fogueira do barrio do Gorgullón, suspendida pola previsión de mal tempo

Pontevedra
22 de xuño 2022

A Asociación de Veciños Eduardo Pondal decidira este ano recuperar a fogueira, pero finalmente tomou a decisión de cancelala. Considera que "entre o chan mollado que deixarán as precipitacions do xoves pola mañá e a choiva prevista para toda a tarde" será "imposible" poder asar sardiñas e tamén prender a cacharela prevista

Cacharela de San Xoán en Eduardo Pondal un ano anterior Diego Torrado

As previsións meteorolóxicas previstas para este xoves 23 de xuño, que prevén choiva durante toda a xornada, levaron á Asociación de Veciños Eduardo Pondal a suspender a tradicional fogueira coa que cada ano conmemora San Xoán. 

A asociación veciñal decidira este ano recuperar a fogueira despois de dous anos sen ela pola pandemia, pero finalmente tomou a decisión de cancelala "tras un longo debate".

O colectivo considera que "entre o chan mollado que deixarán as precipitacions do xoves pola mañá e a choiva prevista para toda a tarde" será "imposible" poder asar sardiñas e tamén prender a cacharela prevista, que habitualmente é a máis multitudinaria do centro de Pontevedra.

A asociacíon veciñal levaba tres semanas traballando para poder facer este evento, por iso é polo que a decisión foi complicada. "Non temos máis opción que cancelar moi ao noso pesar", sinalan.

Ademais, queren trasmitir a toda a veciñanza a súa gratitude "polo apoio e o interese" amosado pola xente neste evento.