A Fiscalía únese aos afectados na súa oposición a que o Estado estea persoado na causa polas peaxes da AP-9

Pontevedra
08 de febreiro 2020

O Ministerio de Transportes insiste en que os informes que puidesen elaborar os servizos técnicos da Dirección Xeral de Estradas así como as súas posibles declaracións responden estritamente a xuízos técnicos, non encadrándose en ningunha actitude política. Están "completamente de acordo en que se lle esixan responsabilidades" no caso de que obrase incumprindo a normativa  

Cabinas de peaxe da autopista AP-9
Cabinas de peaxe da autopista AP-9 / PontevedraViva

A Fiscalía de Pontevedra está en desacordo coa decisión do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra de aceptar que a Avogacía do Estado compareza na causa xudicial aberta contra a empresa Audasa pola cobranza das peaxes da autoestrada AP-9 durante as obras de ampliación da ponte de Rande.

Esta postura coincide coa da asociación En-Colectivo, que engloba a persoas afectadas por esta práctica, que este xoves deron a coñecer a súa oposición tanto á decisión da súa comparecencia como ao feito de que se acordou a poucos días de que o caso chegue a xuízo a próxima semana.

Así, a Fiscalía presentou recurso de reposición contra a resolución do xulgado. Entre outras consideracións, manteñen que a causa se cingue estritamente ao ámbito da explotación comercial da infraestrutura pola concesionaria da autoestrada, desde a perspectiva civil e privada das súas relacións cos usuarios. Ao seu xuízo, isto determina que a Administración Xeral do Estado non poida ter interese directo e lexítimo no preito, máis aló da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, posición que xa asume a Fiscalía.

O Ministerio de Transportes, pola súa banda, insistiu este venres en que os informes que puidesen elaborar os servizos técnicos da Dirección Xeral de Estradas así como as súas posibles declaracións cando se produzan, en relación con este procedemento xudicial responden estritamente a xuízos técnicos, non encadrándose en ningunha actitude política, actitude que é impensable dentro dun procedemento xudicial. 

Insiste en que tampouco responden a unha posible defensa de Audasa, pois están "completamente de acordo en que se lle esixan responsabilidades" no caso de que obrase incumprindo a normativa ou das súas obrigacións e é a súa obrigación esixirlla.  

A poucos días do inicio do xuízo, que empezará o martes 11 en Pontevedra, a Fiscalía insistiu este venres en que defenderá os criterios expostos na demanda colectiva en defensa dos usuarios presentada en decembro de 2018, e que deu lugar ao procedemento xudicial.

A acción do Ministerio Público parte do feito de que durante polo menos tres anos, entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018, a execución dunhas obras entre os puntos quilométricos 145’180 e 151’080 afectou de forma relevante e constante ao tráfico na autoestrada, especialmente na contorna da ponte de Rande. Iso ocasionou que a fluidez da circulación diminuíse, sendo preciso empregar máis tempo do habitual para percorrer a mesma distancia de autoestrada. Ademais da permanente afección exposta, as mesmas circunstancias favoreceron a aparición de embotellamentos e retencións, os cales se sucederon de forma constante e cotiá. 

A Fiscalía lembra que non só se mantivo a cobranza íntegra da peaxe en todo momento, senón que se incrementou a partir do día 1 de xaneiro de 2018, tras unha inauguración das obras que se realizou o 30 de decembro de 2017 aínda cando se continuaron realizando traballos similares na calzada con posterioridade a esa data.  No período de referencia, segundo datos de Audasa, existiron uns 77 millóns de tránsitos e a recadación por peaxes correspondente a vehículos lixeiros ascendeu a uns 90 millóns de euros.

Segundo a Fiscalía, o pago da peaxe ten o carácter de contraprestación porque se entrega a cambio de recibir unha prestación, que é o uso en perfectas condicións de fluidez, velocidade e seguridade dunha vía de alta capacidade. Neste sentido, considera abusiva a práctica consistente na esixencia da totalidade do importe da peaxe, é dicir, do pago do mesma peaxe que cando a autoestrada funciona de modo normal, a pesar de ter completa constancia de que non se pode prestar o servizo en tales condicións.

A Fiscalía solicitará durante o xuízo que se dite sentenza pola que se declare nula a práctica consistente en cobrar integramente a peaxe da autoestrada en todo caso, sen moderar ou eliminar o seu importe cando non se está prestando o servizo en condicións suficientemente satisfactorias de fluidez e/ou seguridade do tráfico.

Ademais, pedirá que se condene á demandada a cesar en dita práctica e a absterse de utilizala en diante en calquera autoestrada que xestione en España, así como a reintegrar aos usuarios os importes das peaxes que fosen abonados, no tramo da contorna da ponte de Rande, entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018, cos intereses legais desde a data do pago de cada peaxe.

O Ministerio Público tamén defende o pago dunha indemnización consistente no dobre do importe da peaxe.