O fiscal antidroga da Audiencia de Pontevedra, Pablo Varela sostén que o narcotraficante "Carlos Silla disponía de toda una flota de veleros para realizar su actividad delictiva".
Así o manifestou este luns na sección segunda da Audiencia Provincial durante o a terceira sesión do xuízo contra nove persoas, entre elas Carlos Silla, acusadas de conformar unha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas que, durante o confinamento en 2020, tratou de introducir 3.700 quilos de cocaína en Galicia no veleiro Benirrás.
A sesión deste luns centrouse no testemuño do xefe da EDOA (Equipo Delincuencia Organizada e Antidroga) da Garda Civil que dirixiu parte da investigación que sostén esta causa e que relatou pormenorizadamente os detalles da operación sinalando inequivocamente a Carlos Silla como líder da organización, do mesmo xeito que fixesen a pasada semana tres dos acusados, entre eles, Antolín Fernández Pajuelo, que admitiu patronear e afundir o veleiro ao servizo de Carlos Silla, e como tamén fixo Daniel del Río, que confesou exercer de mariñeiro no mesmo barco.
Hoxe, a preguntas do fiscal, o xefe da EDOA expuxo que este veleiro Benirrás era só unha das numerosas embarcacións coas que contaba Carlos Silla para o tráfico de droga e que "no tenía ninguna actividad económica que explique el origen del dinero que justifique tal volumen de gasto" en veleiros, iates, planadoras e mesmo pesqueiros.
Este responsable da Garda Civil tamén explicou que nesta investigación apareceu en numerosas ocasións o pai de Carlos Silla, o avogado Fernando Silla, pero finalmente non foi procesado para ir a xuízo.
Nesta terceira sesión do xuízo relatouse a procedencia e a maneira na que a Garda Civil obtivo as probas e toda a documentación que sostén a causa nos diferentes seguimentos e rexistros levados a cabo en vivendas, talleres ou naves industriais.
Sorprendentemente nun dos pen drives que obraban en poder de Carlos Silla figuraban fotografías feitas pola Garda Civil durante as vixilancias que tiñan en marcha nunha operación que era secreta.
Tras a comparecencia do xefe do Edoa seguirá a do responsable do grupo II da Unidade de Droga e Crime Organizado (UDYCO) da Policía Nacional e quedarán para o final das sesións a declaración de Carlos Silla e do resto de procesados, tal e como solicitaron os seus avogados no trámite previo.