A Fiscalía solicita unha condena de oito anos de prisión para un home que acoitelou a outro nun portal

Pontevedra
10 de xuño 2023

O representante do Ministerio Público tamén pide que o acusado abone unha indemnización de 12.000 euros polas lesións causadas, outros 3.000 por danos morais e que pague os gastos derivados da atención do apuñalado no Sergas

Audiencia Provincial de Pontevedra Mónica Patxot

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 15 de xuño a un veciño de Silleda acusado de acoitelar a outro home nun portal.

A Fiscalía solicita que sexa condenado a oito anos e seis meses de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa. 

O representante do Ministerio Público tamén pide que o acusado abone unha indemnización de 12.000 euros polas lesións causadas, outros 3.000 por danos morais e que pague os gastos derivados da atención do apuñalado no Sergas.

O relato do escrito de acusación recolle que, en xullo de 2021, o procesado tras atoparse coa vítima e iniciar unha discusión forcejearon e, "co propósito de acabar coa súa vida" asestoulle dúas puñaladas no abdome, cunha navalla con empuñadura plana de madeira de 10 centímetros de folla que levaba, fuxindo a continuación do lugar ata que foi detido polos axentes da Garda Civil.

O agredido tivo que ser intervido e estivo oito días hospitalizado, quedándolle varias secuelas.