A Fiscalía recorrerá a sentenza que absolve o rei das orquestras por dous delitos fiscais

Pontevedra
25 de abril 2018

A sentenza volveu poñer o foco no resto de causas xudiciais xa xulgadas ou en fase de instrución contra o coñecido empresario das verbenas. Mentres o seu avogado, Carlos Seoane, valora que "puede tener un efecto dominó", na Fiscalía teñen dúbidas sobre esa influencia 

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia
Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia / Mónica Patxot

A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra ten previsto recorrer a sentenza do Xulgado do Penal 1 de Pontevedra que absolve a Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras de Galicia, de dous delitos contra a Facenda Pública por non tributar polos rendementos económicos da orquestra Filadelfia nos exercicios económicos de 2011 e 2012.

O fallo absolutorio se base na declaración de "ilicitud" da proba documental obtida na entrada e rexistro realizada pola Axencia Tributaria con autorización do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra nas oficinas de Representacións Lito. O xuíz, Juan José Trashorras García, conclúe que os funcionarios da Administración que levaron a cabo "non o fixeron respectando as esixencias da Lei de Axuizamento Criminal", de modo que non o ten en conta como proba. 

A sentenza volveu poñer o foco no resto de causas xudiciais xa xulgadas ou en fase de instrución contra o coñecido empresario das verbenas. Mentres o seu avogado, Carlos Seoane, valora que "puede tener un efecto dominó", na Fiscalía teñen dúbidas sobre esa influencia. 

A sentenza absólvelle a el e a outras dúas persoas, pero cabe sinalar que tanto el a título persoal como a súa empresa, Representacións Lito S. L., xa foron condenados a 12 anos por seis delitos contra a Facenda pública por defraudación do imposto de sociedades, o IVE e o IRPF. O seu avogado xa anunciou que ese fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra será recorrido ante o Tribunal Supremo

Tanto a causa pola que saíu condenado na Audiencia como a que derivou nunha absolución no Xulgado do Penal utilizan unha documentación incriminatoria común, a derivada do rexistro nas oficinas de Representacións Lito. Na primeira causa xulgada deuse por válido sen ningún tipo de reproche xudicial, pero na segunda o xuíz anúlao por varios razóns, entre elas, porque afectou a persoas non mencionadas no auto xudicial, entre elas, os acusados, e tamén porque "na causa non existe constancia algunha de tal rexistro, nin de como levou a cabo nin do seu resultado".

Fontes xudiciais consultadas valoran que esta anulación deste rexistro como proba nesta causa non afectaría nin á causa xa xulgada nin ás que aínda ten pendentes Lito. En concreto, nos xulgados de Santiago de Compostela séguese unha causa pola súa xestión económica da orquestra París de Noia e en Ponteveda hai en marcha dúas investigacións, unha polas súas declaracións de impostos individuais e outra contra empresas do seu grupo empresarial distintas a Representacións Lito.

O xuíz Juan José Trashorras indica que non consta que se levantou acta na que se reflicta a documentación intervida, non consta que se fixo relación dos documentos intervidos, nin tampouco hai rastro de que se deu conta ao xuíz do contencioso do resultado da dilixencia practicada. Fontes consultadas indicaron a PontevedraViva que esa documentación si existe e figura no resto das causas, pero non se achegou a esta en concreto relativa á orquestra Filadelfia. 

Outra cuestión para ter en conta é que nese rexistro os funcionarios da Axencia Tributaria incautáronse de documentación contable de tres persoas físicas, os tres acusados, así como a que lles relaciona coa orquestra Filadelfia, e a intervención desa documental non estaba cuberta polo auto ditado no seu día, que afectaba tan só a dous domicilios de sete persoas xurídicas (Representacións Lito SL, Producións Artísticas Lito SL, Soner Son e Iluminación, Escenarent, Esmuli, Centro Deportivo A Condesa) e para uns impostos (IVE e sociedades dos anos 2009 a 2012).  

No resto das causas -a xa xogada e as pendentes- acúsase a Lito, que si estaba presente no rexistro e propietario de Rrepresentaciones Lito, de modo que el si estaría cuberto con ese rexistro aínda que os outros dous acusados agora absoltos neste causa non o estivesen. 

O avogado do rei das orquestras móstrase "muy satisfecho" coa absolución e estudará ese posible efecto dominó. Ademais, chama a atención sobre a parte da sentenza que "afea" o traballo da Axencia Tributaria. En concreto, o xuíz critícalles que "deberon ser máis cautos os seus funcionarios á hora de identificar, clasificar, recoller, e discriminar a documentación para intervir".

Respecto diso, o xuíz engade que "é evidente que sería inconcibible en tales circunstancias outorgar fiabilidade, ata o punto de propiciar un sentenza de condena, a un conxunto de probas cuxo exame lle está vedado ao Tribunal Sentenciador porque non constan na causa".