A Fiscalía recorre o arquivo da causa de Sonia Iglesias e pide que se someta a Julio Araújo a unha proba neurolóxica

Pontevedra
13 de agosto 2014

Carmen Novo solicitou ao Xulgado de Instrución número 3 que se someta a Julio Araújo á proba P300, coñecida como 'test da verdade' ou 'Potencial de Evocación Cognitiva'. Só se realiza no Hospital Miguel Servet de Zaragoza e fíxose, entre outros, a Miguel Carcaño para localizar o cadáver de Marta del Castillo  

Julio Araújo á súa chegada aos xulgados da Parda Mónica Patxot

A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra quere que Julio Araújo, parella de Sonia Iglesias cando desapareceu en 2010, sexa sometido a unha innovadora proba neurolóxico para intentar avanzar na resolución da desaparición da pontevedresa. Así o fixo saber ao Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra nun recurso presentado contra a decisión da xuíza que leva o caso de arquivar provisionalmente as dilixencias desta causa.

O caso estano levando o fiscal xefe e o tenente fiscal de Pontevedra, Juan Carlos Aladro e Carmen Novo. Tan só catro días despois de que a xuíza notificase un auto co sobresemento provisional da causa, Carmen Novo, por delegación de Juan Carlos Aladro, recorreu esta decisión. Presentouse un recurso de reforma ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra e, subsidiariamente, ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, ante a posibilidade de que a xuíza de primeira instancia o rexeite.

Poucos detalles transcenderon do contido dese recurso, pero si que a fiscal pediu que se someta a Julio Araújo á proba neurolóxica P300, coñecida por algúns como 'test da verdade' e por outros como 'Potencial de Evocación Cognitiva' (o nome científico). Esta proba só pode realizarse no Hospital Miguel Servet de Zaragoza.

Segundo explicaron fontes xurídicas, a persoa á que se solicita que se someta á proba pode facelo de forma voluntaria ou por mandato dun xulgado. Neste caso, dáse por feito que Julio Araújo rexeitará facelo por vontade propia. Ao longo dos catro anos de instrución do procedemento, dous deles con el como único imputado, xa se lle presentou con anterioridade a oportunidade de someterse á proba do polígrafo e rexeitouna.

A proba P300 ten como obxecto busar a denominada pegada neuronal e leva 14 anos utlizándose en investigacións criminais. Neste caso, se pre ten te que axude a coñecer os movementos de Julio Araújo nas horas previas e posteriores á desaparición da súa parella e nai do seu fillo. Foi a única persoa imputada por esta causa, pero nestes momentos non pesa sobre el ningunha imputacón ao terse arquivado a causa. A xuíza considera que neste caso había datos que permitían sospeitar da participación de Julio Araujo nos feitos, pero "non constitúen indicios sólidos" para acordar a continuación do procedemento.

En España, someteuse á P300 a persoas xa condenadas por distintos crimes nos que non apareceron os cadáveres das vítimas. Así, os máis mediáticos foron os casos de Miguel Carcaño, condenado polo asasinato de Marta del Castillo en Sevilla, para localizar o corpo; o ex grapo Fernando Silva Sande, condenado polo secuestro de Publio Cordón; ou Antonio Losilla, presunto asasino da súa muller en Ricla (Zaragoza).

Neste caso, a irmá de Sonia Iglesias, Maricarmen Iglesias, xa anunciara en decembro de 2013 o seu desexo de que o xulgado sometese a Julio Araújo, entón imputado pola desaparición, á innovadora proba tras realizarse a Antonio Losilla. Este luns a familia da desaparecida tamén anunciou a súa decisión de recorrer o arquivo provisional da causa.

Arquivado en