A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou este martes visto para sentenza un xuízo por un caso de tráfico de drogas.
No banco dos acusados sentaron dous homes que foron sorprendidos o 1 de setembro de 2020 pola Garda Civil cando viaxaban nun turismo Citroën C3 á altura da entrada da autoestrada AP-9 en Saiar, en Caldas de Reis. Levaban no vehículo dous quilos de cocaína que lles foron intervidos nunha mochila nos asentos traseiros do coche.
Carlos, o acusado máis novo, confesou que lle ofreceron diñeiro por transportar esa droga ata León, pero que como el non conducía, porque nin tiña coche nin carné, falou co outro acusado, Julio, para que lle leva ata esa localidade. Segundo a versión de Carlos, o seu compañeiro non tiña nada que ver co encargo pero "cuando hablé con él si que era conocedor de lo que llevaba en la mochila".
Esa mochila contenia dous paquetes con dous quilos de cocaína cun grao de pureza do 81% e "esa cantidad tan elevada sería para la venta", segundo o propio Carlos deu a entender ao tribunal.
Con todo, Julio declarou durante a vista oral que "yo no sabía nada" da droga que había na mochila. Explicou que cando a Garda Civil deulles o alto no control de estrada "Carlos se puso a temblar" e díxolle que escapase. Ambos se coñecían de verse nun bar, alí foi onde o mozo propúxolle ao de maior idade viaxar xuntos a León. "No soy ningún yonki, de momento", quixo aclarar Julio ás maxistradas da Audiencia.
Durante o xuízo, os axentes do Instituto Armado que realizaron aquel control de estrada explicaron que deron o alto ao coche porque recoñeceron a Carlos que seis meses antes xa investigara a Carlos por conducir sen carné e ao facer aquelas dilixencias descubriron que tiña antecedentes por un delito contra a saúde pública.
A Fiscalía modificou a súa petición inicial de condena respecto a Carlos ao admitir a atenuante analóxica moi cualificada de confesión tardía, debido a que recoñeceu os feitos e colaborou activamente no seu esclarecemento. Así, rebaixou a solicitude de condena a catro anos e medio de prisión fronte aos oito anos e medio de condena solicitada inicialmente.
Respecto a Julio, mantén a súa petición de sete anos e medio de cárcere.