A Fiscalía pide máis de 25 anos de cárcere para un traballador de axuda a domicilio

O Salnés
22 de xaneiro 2024

A Audiencia de Pontevedra sinalou para este próximo xoves o xuízo por un caso de violencia contra a muller. Un traballador do programa de axuda a domicilio de Vilagarcía enfróntase a máis de 25 anos de prisión por sete delitos dos que foron vítimas á súa noiva e á nai, diagnosticada con demencia e Parkinson

Xulgados de Vilagarcía de Arousa Mónica Patxot

A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para este próximo xoves a xuízo por un caso de violencia contra a muller que sentará no banco dos acusados un traballador do programa de axuda a domicilio do concello de Vilagarcía de Arousa que se enfronta a máis de 25 anos de prisión como autor de sete delitos dos que foron vítimas a súa noiva e á nai, que era a usuaria do servizo e estaba diagnosticada con demencia e Parkinson.

O home está acusado de malos tratos habituais físicos e psíquicos polo que Fiscalía solicita tres anos de prisión; por lesións contra a muller enfróntase a dous anos de cárcere; por homicidio en grao de tentativa, a 9 anos e 11 meses; por lesións no ámbito familiar, a 12 meses de prisión; polo delito de ameazas graves non condicionadas, a unha pena de dous anos; e polo delito de detención ilegal, a máis de 7 anos.

Ademais das penas de cárcere, este home enfróntase a varias ordes de afastamento e á prohibición de portar armas, deberá indemnizar á súa parella sentimental con 27.000 euros e á nai coa cantidade de 6.600 euros, así como ao Sergas coa contía que se determine.

Segundo o relato dos feitos que recolle o escrito de acusación da Fiscalía, ocorreu entre os anos 2020 e 2022. Nese tempo, o procesado iniciou unha relación sentimental coa filla da usuaria do servizo e foise a vivir con elas.

O ministerio público sinala que, mentres estiveron xuntos, o home "de forma constante e reiterada" trataba á súa noiva con faltas de respecto e insultos e controlaba as súas amizades e comunicacións polo móbil.

Tamén relata como en abril de 2022 o procesado propinou unha patada na íngua á súa parella sentimental, o que lle provocou un hematoma. Con todo, a vítima non acudiu a ningún centro sanitario nin interpuxo denuncia. O 28 maio dese mesmo ano, lanzoulle unha máquina de lear cigarros para impedirlle falar por teléfono cun amigo. A vítima comezou a gritar e o procesado tapoulle a boca.

Dous días despois, o home solicitou á muller 50 euros e, cando ela se negou, ameazouna dicíndolle que a "ía a matar" e que "pola súa culpa e a das súas amigas" botárono do traballo. A súa parella tentou entón chamar á Policía pero o acusado, "co propósito de poñer fin á vida da súa parella sentimental", tirouna na cama e colleuna coas mans polo pescozo á vez que lle dicía que a ía a matar.

Nese momento, a nai da súa noiva tentou evitar que agredise á súa filla pero o acusado empuxouna e tirouna ao chan, o que lle produciu un golpe na cara.

Tras isto, o acusado colleu un coitelo cunha folla de 18 centímetros e púxollo no pescozo á súa parella á vez que lle dixo que como gritase a mataba. A continuación, para que non se escapase atouna de pés e mans e á nai deulle dúas pastillas para que durmise e encerrouse con elas no dormitorio.

A situación mantívose durante o seguintes tres horas nas que o home non deixou saír ás dúas mulleres da habitación. Para que a súa noiva deixase de gritar colleu un cinto que lle puxo ao pescozo coa ameaza de asfixiala e levala ao monte para matala e logo matarse el.

"Quiero verte muerta. El daño que me has hecho lo vas a pagar. Me habéis querido matar en vida", díxolles o procesado, segundo recolle o escrito da Fiscalía.

A parella do acusado pediulle ir ao servizo e este quitoulle as cintas das pernas pero en todo momento mantivo o coitelo de grandes dimensións. Nese momento, a nai fixo un ruído e cando o home dirixiuse á habitación para ver que pasaba a muller saíu correndo do inmoble e refuxiouse nun bar próximo.