O fiscal de Delitos Económicos de Vigo remitiu ao Xulgado de Instrución número 7 o seu informe sobre a operación Patos, no que solicita continuar o procedemento para xuízo contra só 13 dos 36 imputados iniciais, instando o sobresemento dos outros 23.
Dos políticos, só o ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, mantense na lista de imputados neste caso sobre presunta corrupción na adxudicación de contratos públicos e suposta recepción de agasallos.
A Fiscalía insta o arquivo das causas abertas contra o alcalde, Abel Caballero; os concelleiros Ángel Rivas, David Regades e Isaura Abelairas; o ex vicepresidente da Deputación e edil do PP en Vigo José Manuel Figueroa; e a expresidenta da delegación da Xunta na cidade, María José Bravo Bosch, que dimitira por este asunto.
Erros, testemuños sen valor e nova documentación levaron ao fiscal para pedir o sobresemento para a maioría dos procesados.
Ademais de Louzán entre os trece investigados atópase Enrique Alonso Pais, dono de Eiriña e presunto cerebro da trama, así como a súa man dereita na empresa Jaime Alvariñas. Tamén figura Manuel González Juanatey, o que era xefe dos Servizos Técnicos e director de Infraestruturas da Deputación; Diego González Fernández, administrador de Canalizacións e Construcións Salnés; e Mauricio Rodríguez Osorio, responsable de Construcciones Enrique Casas.