A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra procedeu no mesmo sentido que o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra deixando sen percorrido legal a denuncia presentada contra o presidente de Ence, Ignacio de Colmenares, por alertar a través dun vídeo dirixido aos traballadores do perigo dun "susto ambiental maiúsculo en calquera momento" na factoría de Lourizán.
O Xulgado non admitiu a trámite a denuncia interposta por Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e agora a Fiscalía arquiva a presentada polo PSOE.
O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, que levou a investigación persoalmente, confirmou este luns a PontevedraViva este arquivo, adiantado durante a fin de semana por Diario de Pontevedra.
Tal e como explicou Aladro, o auto de arquivo é un exhaustivo informe de 17 páxinas que tamén foi enviado á Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo do Tribunal Supremo.
Nel, faise eco dunha gran cantidade de informes emitidos pola propia empresa e tamén por distintas administracións públicas como a Xunta de Galicia ou o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Así mesmo, encargou informes específicos ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil.
Así mesmo, o propio Aladro citou a Ignacio de Colmenares en calidade de investigado e tomoulle declaración nas dependencias da Fiscalía na Parda. Durante o interrogatorio, segundo confirmou Aladro, explicou que as súas palabras foran sacadas de contexto.
Como resultado de toda a documentación, o fiscal xefe concluíu que a alerta realizada polo presidente da pasteira, que falaba do risco asociado á caldeira de recuperación e a caustificación inestable, é infundada e, por tanto, o seu vídeo non ten reproche penal por un presunto delito ambiental.