A Fiscalía abre dilixencias para investigar se houbo delito no incendio de Pontesa

Pontevedra
10 de xaneiro 2023

O asunto xa estaba xudicializado no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que será quen investigue o caso. Tiña un atestado inicial da Policía Nacional, pero agora entregouse o informe policial final e é cando a Fiscalía decidiu abrir dilixencias de investigación para determinar se houbo ilícito penal

Incendio na zona da antiga fábrica de Pontesa, en Ponte Sampaio Cristina Saiz

A Fiscalía de Pontevedra acaba de abrir unha investigación para investigar o incendio ocorrido o 6 de novembro de 2022 nas instalacións da antiga fábrica de cerámicas de Pontesa, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.

O asunto xa estaba xudicializado no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra, que será quen investigue o caso. Tiña un atestado inicial da Policía Nacional, pero agora entregouse o informe final da Policía Xudicial e é cando a Fiscalía decidiu  abrir dilixencias de investigación para determinar se houbo ilícito penal. 

As dilixencias van destinadas a determinar se detrás deste incendio houbo algún delito e trátase dunha práctica habitual en incendios nos que, como en Pontesa, houbo unha persoa falecida.

En realidade, trátase dunha morte por accidente laboral, por iso é polo que se investiguen pola vía xudicial, pois o falecido foi Benito González Dopazo, un veciño de Marín de 59 anos que resultou ferido grave durante as tarefas de extinción do incendio e faleceu tres días despois no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde ingresou con queimaduras de terceiro grao no 85% do seu corpo. 

A nave que ardeu estaba dedicada á almacenaxe de cereal e o incendio tardou en extinguirse 21 días. Para extinguilo, utilizáronse aproximadamente 3,5 millóns de litros de auga, ao redor dun terzo do que consome todo o Concello de Pontevedra nun día.

O Grupo Nogar a través da súa filial Galigrain, titular do cereal alí almacenado, tivo que mover e trasladar ao redor de 10.000 toneladas de cereal directamente afectado polo incendio, tarefas para as que utilizaron 1.000 camións de dez toneladas. Para a almacenaxe, segundo se puido saber despois, non tiñan licenza de actividade.

Durante as tarefas de extinción, detectouse a presenza de amianto nas instalacións, de modo que a Inspección de Traballo clausurou a nave e impedía entrar aos bombeiros para apagar o lume. Tan só puideron entrar, con traxes de protección específicos, axentes da Policía Científica da Policía Nacional para investigar o ocorrido.

A Policía Científica aínda non deu por concluído o seu traballo e ultima un informe que porá nas mans do xulgado. 

Arquivado en