A finais de 2024 será "unha realidade" a reformada estrada entre Pontevedra e Marín, para que "queden definitivamente unidos"

Pontevedra
28 de marzo 2023

Esta mesma semana vaise licitar a segunda fase de remodelación da estrada vella entre Pontevedra e Marín, a PO-546, zona de Estribela e en abril vanse licitar as melloras entre Os Praceres e Mollavao. Os prazos deunos a coñecer este martes o presidente da Xunta durante unha visita á zona das obras 

Visita de Alfonso Rueda á estrada vella de Marín a Pontevedra Mónica Patxot

Esta mesma semana vaise licitar a segunda fase de remodelación da estrada vella entre Pontevedra e Marín, a PO-546, zona de Estribela. O vindeiro mes de abril vanse licitar as melloras entre Os Praceres e Mollavao. E, finalmente, a finais de 2024 ou, a moito tardar, no primeiro trimestre de 2025, a estrada estará reformada. 

Os prazos deunos a coñecer este martes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha visita á zona das obras e adiantou que "intentarán" que sexa "unha realidade" xa en decembro de 2024, co obxectivo de que "Pontevedra e Marín queden definitivamente unidos" cunha vía humanizada. 

Trátase de dúas vilas que, segundo Rueda, "estivemos sempre unidos" (como pontevedrés, inclúese), pero faltaba unha vía humanizada e agora dáse un paso fundamental para "facer transitable unha zona que non o era". 

Alfonso Rueda visitou a zona do aparcadoiro de camións situado fronte á estación de servizo de Os Praceres acompañado da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández; e unha nutrida representación de cargos do PP en Pontevedra e Marín, ademais do presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa; o delegado territorial da Xunta, Luís López; e a deputada autonómica Lupe Murillo.

Durante a visita, déronse a coñecer os detalles do proxecto e proxectouse un vídeo resumo co resultado final desta actuación que suporá en total un investimento da Xunta de 9,65 millóns de euros para transformar a vella estrada autonómica nun 'Eixo de Mobilidade Sostible' con sendas peonís e ciclistas e mellor seguridade viaria.

A primeira fase de remodelación da estrada vella na zona da Estribela xa está en marcha e agora daranse pasos definitivos para poñer en marcha o resto, logrando unha actuación da que Rueda destacou que "moitas casas van ver que lles cambia moito a vida". 

O proxecto ten como obxectivo final humanizar a estrada para que os peóns gañen terreo e, para iso, vai haber pasos de peóns máis seguros e beirarrúas máis anchas; remodelaranse paradas de autobús; habilitaranse sendas peonís e ciclistas e catro pasarelas de madeira; e instalarase un miradoiro e zonas verdes.

Así, mellorará a conectividade do núcleo de poboación de Marín coa cidade de Pontevedra, vai permitir a dobre funcionalidade como rúa e como infraestrutura de mobilidade sostible e vai mellorar a mobilidade alternativa potenciando o uso peonil e ciclista fronte á mobilidade rodada 

En canto ao Miradoiro, vai supoñer a creación dun espazo de lecer con parque infantil e xogos biosaudables, actuando nunha superficie de 1.500 metros cadrados nos que haberá arborado e mobiliario urbano e unha zona para gozar das vistas sobre a Ría de Pontevedra. 

Tino Fernández destacou esta actuación como "moi necesaria" e insistiu en que "vai mellorar a vida de moitos pontevedreses e marinenses".

Tamén desexou que se faga "con toda a axilidade do mundo" e escoitando as alegacións presentadas polo Concello de Pontevedra. Nesta sentido, Alfonso Rueda adiantou que se buscará un proxecto o máis "consensuado" posible 

Este novo 'Eixo de Mobilidade Sostible' inclúe a maior parte das actuacións en Pontevedra, pero tamén en Marín haberá obras, un investimento de 1,12 millóns de euros nos treitos urbanos.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, puxo en valor esta actuación e, en todo caso, destacou que, aínda que a maior parte da obra non afecta ao seu municipio, era necesaria e apláudea, pois mellorará a vida dunha zona de Pontevedra cunha grande vinculación con Marín e vai permitir ir de Marín a Pontevedra dun xeito seguro. 

Ramallo destacou que nun futuro vai ser posible ir desde Pontevedra a Lapamán (no municipio de Bueu, no límite con Marín) a través de sendas peonís e iso abre "moitísimas posibilidades de cara ao futuro".