A fin de Elnosa é o "primeiro paso", segundo o BNG, para acabar coa "desfeita" na ría

Pontevedra
17 de xullo 2018

29 de xullo. É a data que o BNG marcou en vermello no calendario. É o día no que se dará o "primeiro paso" para recuperar os terreos que ocupa o complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán, aos pés da ría de Pontevedra

Luis Bará, deputado do BNG Mónica Patxot

29 de xullo. É a data que o BNG marcou en vermello no calendario. É o día no que se dará o "primeiro paso" para recuperar os terreos que ocupa o complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán, aos pés da ría de Pontevedra.

"Estamos na conta atrás da saída da ría de dúas empresas contaminantes", asegurou o deputado do BNG, Luís Bará.

O cambio de Goberno en Madrid, dixo, abre a porta a unha "oportunidade histórica" para poñer fin unha "desfeita" que parte da época franquista, abrindo unha etapa de "respecto" polo medio ambiente que permita "devolver a Pontevedra o que por xustiza lle corresponde".

Con respecto a Elnosa, a quen Costas non lle prorrogará a concesión para seguir na súa actual localización, Bará celebrou o "fracaso" da estratexia "planeada polo PP" para autorizar a continuidade da industria electroquímica en Lourizán, froito da "oposición frontal" do Concello e dunha "batalla" social, institucional e xudicial.

O obxectivo agora debe ser, segundo o deputado nacionalista, recuperar os 12.000 metros cadrados que ocupa Elnosa nas marismas de Lourizán, para o que instou ao Goberno a aprobar o proxecto para desmantelar as instalacións e descontaminar os terreos.

Bará suxeriu á Xunta e á empresa Elnosa que recuperen o convenio asinado para trasladar a fábrica a outra localización dentro da comarca de Pontevedra

Sobre os traballadores, Bará suxeriu á Xunta e á empresa que recuperen o convenio asinado por ambas as dúas partes en 2016 para trasladar a actividade da compañía a outra localización dentro da comarca de Pontevedra. "Se tanto piaban polos postos de traballo, que se poñan mans á obra porque aínda están a tempo", dixo o dirixente do BNG.

A saída de Ence tamén é posible, segundo Luís Bará. O Goberno, sinalou, debe tomar unha decisión "urxente" antes do 29 de xullo, xa que reitera que a prórroga concedida en 2016 "non é firme" porque ao haber varios recursos expostos pódese anular aínda.

Así, pediu ao PSOE que sexa "consecuente e coherente" e actúe "con valentía" para dar pasos que permitan "expulsar" á pasteira da ría, deixando a un lado "manobras dilatorias".

Xunto á aprobación dun proxecto para reordenar os usos futuros dos terreos de Lourizán, respectando as directrices de ordenación do territorio e o Plan de Ordenación do Litoral aprobado pola Xunta, o deputado do BNG reclamou ao Goberno tomar medidas para "paralizar" a construción da planta de biomasa que Ence proxecta en Pontevedra.

Arquivado en