A fin de El Dorado galego tras a febre do ladrillo

Pontevedra
29 de decembro 2012

A xornalista Nair Mesejo conta como se enfrontan á crise Silvia Názara e Juan Antonio Castro, unha parella pontevedresa afincada en Lanzarote

Como en boa parte de España, a picada da burbulla inmobiliaria marcou un antes e un despois en Lanzarote. A maioría dos galegos que vivían na illa, cuxa superficie é sete veces a do municipio de Pontevedra, dedicábanse á construción e a actividade neste sector quedou paralizada.

"Hace un par de años el barco se iba lleno dos veces por semana", relata Silvia Názara, pontevedresa de 35 anos e residente na illa dende finais de 2000. Ata entón, recorda, era frecuente oír falar a lingua de Rosalía na rúa e mesmo se dicía que en Praia Fonda (municipio de San Bartolomé) era a "quinta provincia".

O barco foi o medio de transporte elixido por aqueles que empaquetaron no seu coche varios anos de vida en Canarias e regresaron á súa terra de orixe. "Se notó en el tráfico [da illa], en el supermercado, en los alquileres... ", asegura.

Lanzarote e Fuerteventura eran os destinos preferidos polos galegos que probaron fortuna en Canarias. Á illa máis occidental do arquipélago tamén se mudou Názara ao rematar os seus estudos universitarios de Turismo. Sobre todo para reunirse co seu marido, entón noivo, Juan Antonio Castro, de 36 anos e natural de Saídres (Silleda, Pontevedra), quen abandonou a súa terra hai case dúas décadas, canso da precariedade laboral.

Ambos os dous traballan na hostalaría, ela como recepcionista e el como segundo xefe de cociña. Son, a xuízo del, uns "privilegiados" por manter os seus empregos en empresas que cualifica de "grandes y serias". "Con el boom de la construcción mucha gente se volvió loca", considera, ao explicar que foron bastantes os que abandonaron o seu traballo na hostalaría, con salarios que roldaban os 1.000 e 1.200 euros, pola construción, onde se gañaba entre 3.000 e 4.000.

A febre do ladrillo

"Cobraban mucho dinero, pero en negro", indica, "más en B que en A". E a consecuencia de percibir entre 1.200 e 1.300 euros en nómina foron prestacións por desemprego baixas, que obrigaron moitos a facer as maletas. "La gente que dejó la cocina hoy es diez o doce años mayor, pero sin oficio ninguno, ahora no los puedes poner de pinches", sostén.

A situación é menos complexa para os que non cederon aos cantos de serea da construción. "Nosotros no hemos notado nada", afirma en referencia ao equipo da cociña do seu hotel, integrada por 40 persoas, case as mesmas que hai unha década, cando se inauguraron as instalacións.

"En turismo si se nota la crisis, pero por lo menos hay trabajo, se tienes contactos y te mueves", manifesta a súa muller, que asegura non coñecer casos de galegos que sigan apostando por Canarias como destino laboral. E malia a conxuntura actual, máis de 1,7 millóns de turistas visitaron Lanzarote no que vai de ano (un 2,75% menos que hai un ano), segundo datos do Cabido insular (ente que realiza as funcións dunha deputación).

"Había que rogar para que la gente viniese a trabajar"

A depresión económica impuxo cambios, principalmente na demanda de traballo, nunha illa onde a taxa de paro alcanza o 31,7%. "Ahora tengo 40 currículos encima de la mesa y hace ocho años casi había que rogar para que la gente viniese a trabajar", compara en referencia a unha época na que os grandes hoteis de Praia Branca, no sur, fretaban autobuses para recoller traballadores en Arrecife, a capital, situada a 35 quilómetros. Castro cre que no seu día " se abusó mucho de las empresas". Hoxe, esas condicións son moi distintas.

Na opinión da súa parella,a crise provocou unha perda de poder adquisitivo "impresionante". O matrimonio ten un piso en aluguer e a raíz do crack inmobiliario élle máis difícil encontrar inquilinos. "Antes lo alquilabas al día siguiente de quedar libre", comenta.

A vivenda é un bo indicador do cambio producido nestes anos. O seu marido conta que, se ben encontrou traballo aos tres días de chegar á illa, tardou "dos o tres meses" en ter onde vivir. "Y tenías que compartir", incide ao sinalar que o prezo roldaba case dúas décadas atrás os 690 euros ao mes, contía excesiva para o soldo dun axudante de cociña ou de camareiro, en torno aos 700.

"Ahora sobran casas por todos los lados", afirma. ÿ por iso que os alugueres se abarataron. "Lo que hai diez años te costaba 700 euros ahora está a 400", subliña, feito que repercutiu, segundo sostén, na calidade da oferta. "La crisis nos afecta a todos, hay que reestructurarlo todo y no lleva buen camino; las cosas pintan mal", mantén respecto á actual conxuntura.

Algo que polo momento segue igual é a carestía da cesta da compra, a terceira máis custosa de Canarias, despois de La Gomera e El Hierro. En Lanzarote, cuxa poboación case alcanza os 195.000 habitantes, operan moi poucas cadeas de alimentación, feito que determina os prezos. Unha leituga, conta Castro, non baixa dos 85 céntimos e un quilo de mazás supera os 1,5 euros.

Sen morriña

Silvia Názara e Jose Antonio Castro non teñen intención de volver a Galicia, da que estrañan unicamente a familia e os bos amigos. En ambos os dous casos, o clima da illa -cuxa temperatura media anual é de 21 graos- é un dos factores que máis aprecian de Lanzarote. Aínda que, sen dúbida, as condicións laborais foron decisivas. "Trabajas 8 horas y te vas para casa", expón ela, que ve máis difícil que en Galicia se respecte o horario. "Y cobro lo mismo que hace diez años", sinala.

"Antes de venirme para aquí trabajaba 12 horas por unos 250 euros de camarero, gestionando un pub", conta el sobre a súa experiencia laboral na comunidade galega. "No sé si es porque Galicia me trató muy mal y Lanzarote tan bien que le he cogido mucho cariño a esto", insiste, ao tempo que recorda que a enorme distancia entre ambos os dous territorios se salva con menos de tres horas. "Tardas más en llegar de Asturias a Santiago", conclúe.

Arquivado en