A Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña reivindícase como un evento imprescindible

Umia
30 de xullo 2023

Ao redor de 3.000 persoas participaron este domingo na comida popular da 54 Festa do Carneiro ao Espeto celebrada na Carballeira de Santa Lucía, un cheo absoluto que demostra a súa boa saúde e que supón o broche a un intenso calendario de actividades

LIV Festa do Carneiro ao Espeto PontevedraViva

Máis de 50 anos converteron á Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña nunha cita ineludible non só na comarca, senón en toda Galicia. Non en balde é unha celebración declarada como de interese turístico galego.

Só con ver o aspecto da Carballeira de Santa Lucía este domingo podíase descubrir o por que da súa popularidade.

Ao redor de 3.000 persoas, entre os que se atopaba ata o presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda, participaron no xantar popular que poñía o broche a un intenso programa de actividades festivas na 54 edición do evento.

Os 140 lotes de comida levaban tempo esgotados. Cada un deles, a un prezo de 300 euros, permitía comer a unha vintena de comensais ao incluír un carneiro asado ao espeto cun peso de entre 12 e 14 quilos, dous empandas de trigo, catro moletes de pan, doce botellas de viño, doche botellas de auga, unha botella de salsa especial para o asado, café, augardente e servizo completo de mesa.

A xornada, que tomaba a testemuña das actuacións musicais do sábado con Heredeiros da Crus, Azúcar Moreno, Michael Legend tributo a Michael Jackson, Dasoul e a disco móbil Euphoria, contaba tamén con animación de rúa a cargo da charanga Os Encerellados, unha actuación de Pelepau e o fin de festa coa orquestra Kubo.

Todo para reivindicar o Carneiro ao Espeto como o que é, unha festa imprescindible.