Un ano máis a Feira Franca demostra o seu gran poder de convocatoria. De cara á súa vixésima edición, que se celebrará os días 6 e 7 de setembro, xa non caben máis peticións para gozar na rúa dos tradicionais xantares e ceas.
A oficina da Feira Franca pechou o prazo de solicitudes. Segundo traslada o Concello, recibíronse 250 solicitudes de particulares para organizar xantares ou ceas nas diferentes rúas do centro histórico e da Alameda. A eles súmanse as 150 peticións de establecementos de hostalería do ámbito no que se celebra a festa.
Pola súa banda, presentáronse 152 propostas para participar no mercado de artesanía e nos postos de alimentación repartidos pola cidade.
Nesta edición da festa, o Consello Aberto da Feira Franca decidiu aproveitar o aniversario dos 20 anos desta emblemática cita na cidade para elixir como temática a propia Feira Franca.
Con esta decisión preténdese homenaxear a todos os participantes, especialmente asociacións, entidades, clubs, particulares ou hostaleiros, que durante estes vinte anos converteron a Feira Franca nunha das citas máis significativas do verán galego.
De feito, moitas das persoas que estes días se achegaron ao edificio de Alfonso XIII preguntaron por esta celebración e comentaron a intención de recuperar decoracións de anos pasados para participar nesta peculiar homenaxe.
O Concello de Pontevedra tamén recuperará elementos, espectáculos e actividades que se foron realizando durante a traxectoria da Feira Franca e así conmemorar esta efeméride e participar activamente para que a cidade volva á Idade Media durante unha xornada e media.