A Feira Franca homenaxeará no seu 20 aniversario a todos os participantes na festa

Pontevedra
12 de xuño 2019

A temática, sinala o Consello Aberto da Feira Franca, pretende ser unha homenaxe a todos os participantes (asociacións, entidades, clubs, particulares, hostalería…) que durante os últimos 20 anos converteron a celebración nunha cita de referencia

Galería Feira Franca: Transporte do viño, mercado, oficios, esgrima e cetrería Paula Sanmartín

A conta atrás para a vixésima edición da Feira Franca está en marcha.

O Consello Aberto que regula a súa organización celebrou a última hora do martes unha reunión na que acordou dedicar a edición do 20 aniversario da Feira Franca, prevista para os días 6 e 7 de setembro, a todos os participantes (asociacións, entidades, clubs, particulares pu hostalería) que durante todos estes anos converteron a celebración nunha cita de referencia no verán galego.

Segundo sinalaron, o Concello de Pontevedra recuperará elementos, espectáculos e actividades que se foron realizando durante estas dúas décadas.

APERTURA DA OFICINA DA FEIRA FRANCA

Por outra banda o goberno local abrirá este venres 14 de xuño a oficina da Feira Franca, que como en anos anteriores estará situada no edificio municipal de Alfonso XIII (o antigo conservatorio).

A oficina estará aberta de 10.00 a 14.00 horas de luns a venres, ata o próximo 15 de xullo, e será o lugar que canalizará todas as peticións da hostalería para as dúas xornadas de festa, dos particulares que queiran montar mesa para celebrar comidas e ceas, e dos artesáns que desexen participar no mercado medieval.

As inscricións poderán realizarse de maneira presencial ou a través da páxina web da Feira Franca (feirafranca.pontevedra.gal).