A feira Etiqueta Negra retorna a finais de outubro para reivindicar o produto gourmet galego

Pontevedra
26 de setembro 2017

A segunda edición deste evento profesional vai desenvolverse entre o 28 e o 30 de outubro no Recinto Feiral e volverá ser un punto de encontro entre consumidores e produtores. Haberá degustacións e showcookings dentro dun amplo programa de actividades 

Presentación da Feira Etiqueta Negra 2017 Mónica Patxot

A praza da Peregrina convertíase este martes no escenario no que se instalaba unha full track food na que se ofrecía a degustación de té galego, procedente da Estación Fitopatolóxica do Areiro, acompañado de pastas gourmet elaboradas e servidas por estudantes do CIFP Carlos Oroza.

Trátase dun avance presentación da segunda edición da Feira Etiqueta Negra Gourmet Galego e Innovación Inspiradora, que se dedica aos produtos gourmet e delicatessen de orixe galega.

Este evento vai desenvolverse no Recinto Feiral durante o sábado 28 e o domingo 29 con apertura para público xeral mentres que o luns 30 terá lugar unha xornada centrada no público profesional. As sesións serán en horario ininterrompido entre as 11.00 e as 20.30 horas.

Na presentación na Peregrina, a concelleira de Promoción Económica Anabel Gulías destacaba a importancia deste acontecemento que contará con máis de 50 empresas que participarán como expositores con produtos de alta calidade.

Eva Vilaverde, deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro; Gonzalo Pita, delegado de turismo da Mancomunidade do Salnés; Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores incidiron na importancia que teñen estas actividades que axudan a potenciar a imaxe da contorna de Pontevedra. Neste caso, a Feira Etiqueta Negra seguirá potenciando a orixinalidade, singularidade e calidade dos produtos.

Durante os tres días que dure este encontro van organizarse actividades complementarias con cursos específicos para profesionais e público en xeral; charlas, presentacións de empresas, de produtos e de exhibicións, catas comentadas e degustacións.

Chefs do Grupo Nove e cociñeiros galegos que posúen Estrelas Michelín e Soles Repsol tamén acudirán a esta cita mostrando como elaborar as receitas máis exquisitas utilizando produtos gastronómicos de Galicia. Ademais, estudantes do CIFP Carlos Oroza, do Centro Superior de Hostalería de Galicia e do obradoiro Hostalería do Salnés participarán con demostracións e degustacións de diferentes pratos.

Tamén está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo para que os expositores poidan expandir os seus negocios e abrir novos mercados. 

Na primeira edición de Etiqueta Negra máis de 5.000 persoas visitaron o Recinto Feiral coa presenza de 51 expositores e 168 profesionais acreditados.