A Feira de Oportunidades de Sanxenxo regresou á Praza dos Barcos

Sanxenxo
07 de abril 2023

Un total de 29 expositores, tipo jaima, ofertan unha gran variedade de produtos do comercio local

Feira de Oportunidades PontevedraViva

A Feira de Oportunidades regresou esta Semana Santa á Praza dos Barcos con 29 expositores nos que se poden adquirir produtos do comercio local con importantes descontos que, nalgúns casos, superarán o 70%. 

O Concello de Sanxenxo colabora con Entretendas na organización da cita sufragando parte da montaxe.

A cita que se desenvolverá ata este sábado está plenamente consolidada no calendario de actividades do municipio. A entrada é gratuíta e o horario é continuado, de 11 a 22 horas. 

Entre os produtos que se poden adquirir atópase calzado, roupa, pel, bixutería, mel, artesanía, decoración e mesmo un posto de estética onde se poderán realizar tratamentos.

O modelo dos expositores é como en anos anteriores tipo jaima e creceu en número de postos debido á alta demanda dos comercios por liquidar xa os artigos da tempada pasada.

CAMPAÑA SOLIDARIA

Ademais, nesta edición, a Asociación contra o Cancro de Sanxenxo está a levar a cabo unha campaña de recadación de fondos para a investigación do cancro infantil en colaboración coa churraría Kuki Galiano. 

Como homenaxe ao pequeno portonovés, Arturo González, falecido por mor da enfermidade o pasado mes de febreiro, a Asociación contra o Cancro encargou 2.000 cuncas coas frases que o neno adoitaba dicir: "Te quiero hasta el infinito" e "Te quiero mil casas y ocho edificios". 

Todas as persoas que compren a cunca, serán convidados pola churraría a unha ración de chocolate e churros. A campaña comezou en Portonovo e se trasladou a Sanxenxo durante esta Feira de Oportunidades.