A feira anual de Pontenciencia celebrarase o 3 e o 4 de maio

Pontevedra
26 de xaneiro 2024

Como gran novidade para este 2024, o programa contará cunha nova modalidade de participación no concurso de proxectos científicos de Pontenciencia orientada ao alumnado do Programa de Maiores do Campus de Pontevedra da Uvigo  

Feira final de Pontenciencia Universidade de Vigo

O programa Pontenciencia regresa un ano máis aos centros de ensino da Boa Vila, que recibirán unha serie de ferramentas e desfrutarán de actividades para vivir de forma dinámica e atractiva tanto a ciencia, como a tecnoloxía e a innovación.

Este programa especial está impulsado polo Concello de Pontevedra xunto coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), que logo de contactar con todos os centros educativos públicos do ensino primario, secundario e formación profesional e con centros de administración pública, confirmaron que un total de 9 centros de ensino primario remitiron xa a inscrición previa, 2 centros de ensino primario solicitaron información para confirmar a participación e 6 centros de ensino secundario ou FP enviaron tamén a nomeada inscrición previa.

Deste xeito, serán case 300 alumnos do ensino primario os que participarán este ano en Ponteciencia, ao tempo que o ensino secundario desenvolverá un total de 13 investigacións distintas.

Como gran novidade para este 2024, o programa contará cunha nova modalidade de participación no concurso de proxectos científicos de Pontenciencia orientada ao alumnado do Programa de Maiores do Campus de Pontevedra da Uvigo.

O concurso de proxectos botará a andar, como vén sendo habitual, na Feira de Pontenciencia entre o 3 e o 4 de maio, o que supón dúas xornadas de traballo intenso entre profesorado e alumnado, á hora de amosar o mundo os traballos realizados e afondar na divulgación do mesmo, explicando os procesos e a teoría aplicada.

Ao longo dos últimos días realizáronse as correspondentes xuntanzas informativas para o profesorado así como os primeiros obradoiros sobre o método científico para o alumnado. Este venres, 26 de xaneiro, o CIFP Montecelo acolleu até catro obradoiros, mentres que o vindeiro mércores 31, o CEIP Froebel acollerá outros dous.

A relación de centros de ensino primario que participarán este ano son CEIP San Martiño, CPR P Sagrado Corazón de Pontevedra, CEE Pontevedra, CEIP Manuel Vidal Portela, CPR P Sagrado Corazón de Praceres, CEIP Santo André de Xeve, CPR P Calasancio, CEIP P Froebel e CEIP de Ponte Sampaio, e os de secundaria son o CIFP A Xunqueira, o IES Luís Seoane, o CFEA A Lourizán, o IES Gonzalo Torrente Ballester, o CIFP Montecelo e o CIFP Carlos Oroza.