A Federación pola Igualdade das Mulleres presenta un cubrevasos contra a submisión química

Pontevedra
05 de setembro 2022

A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, explicou que "evidentemente traballamos para que non acontezan casos de submisión química pero ideamos este cubrevasos conscientes de que conseguir violencia cero deste tipo é complicado"

Vídeo promocional do 'Drink safe' Femupo

A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) ven de presentar o produto 'Drink Safe', un cubrevasos co que se busca evitar casos de submisión química nos contextos de ocio nocturno.

A iniciativa nace a partir do convenio de colaboración entre Femupo e a Secretaría Xeral de Igualdade, grazas aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, puntualizou que "evidentemente traballamos para que non acontezan casos de submisión química pero ideamos este cubrevasos conscientes de que conseguir violencia cero deste tipo é complicado".

O 'Drink Safe' consiste nun coleteiro que esconde no interior unha tapa de tea a xogo. Adáptase a calquera tipo de vaso, con palla incluída, para poder beber con seguridade. Ademais, ao ser unha tea impermeable, evita que a bebida se molle, e tamén serve como elemento diferenciador para distinguir o vaso.

Sinalan que son feitos artesanalmente na Provincia de Pontevedra e personalizables mediante serigrafía, co logotipo dunha empresa, por exemplo. Tamén hai una versión diferente pensada para quen non queira lucir un coleteiro e queira simplemente levalo no peto ou no bolso.

Como parte da estratexia de lanzamento, as participantes no Campo de Voluntariado de Cerdedo-Cotobade realizaron un vídeo promocional deste produto que está en período de lanzamento pero a previsión de Femupo é chegar a 5.000 unidades no que queda de ano.