A familia de Sonia Iglesias recorrerá o arquivo de toda a causa pola desaparición

Pontevedra
11 de agosto 2014
Actualizado: 16:13

A irmá da desaparecida, Maricarmen Iglesias, recoñece que a noticia do sobresemento provisional das dilixencias lles sentou "realmente mal", en especial aos seus pais. A xuíza recoñece que había "datos que permitían sospeitar da participación" de Julio Araujo nos feitos, pero "non constitúen indicios sólidos" para acordar a continuación do procedemento contra este

Manifestación polo segundo aniversario da desaparición de Sonia Iglesias

A familia de Sonia Iglesias Eirín recorrerá o auto dado a coñecer nos últimos días polo que o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra arquiva a causa aberta para aclarar a desaparición da pontevedresa o 18 de agosto de 2010. A irmá da desaparecida, Maricarmen Iglesias, recoñece que a noticia do sobresemento provisional do caso lles sentou "realmente mal", en especial aos seus pais.

No auto notificado ás partes, a xuíz recorda que, efectuadas as dilixencias que se estimaron pertinentes para o esclarecemento dos feitos denunciados, se derivou destas "a existencia de datos que permitían sospeitar da participación de Julio Araujo nos feitos investigados", de aí que fose chamado a declarar en calidade de imputado.

Non obstante, eses datos que levaron á súa imputación "non constitúen indicios sólidos" para acordar a continuación do procedemento contra este, polo que se considera procedente decretar o sobresemento provisional das actuacións e o seu arquivo.

Trátase dun arquivo de toda a causa e non un sobresemento parcial relativo á imputación da parella de Sonia Iglesias e pai do seu fillo, Julio Araújo. Inicialmente difundírase que a causa só se arquivaba no relativo á imputación, pero fontes xudiciais consultadas aclararon que afecta a todo o procedemento.

Contra este arquivo provisional cabe a posibilidade de presentar un recurso de reforma ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra ou un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra. A familia de Sonia Iglesias aínda non decidiu por que opción se decantará para recorrer e a Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra aínda non decidiu que fará. Ao respecto, unha das dúas fiscais que leva o caso, Carmen Novo, sinalou este luns que non decidiu se recorrerá ou non porque aínda non tivo acceso ao auto en cuestión.

Maricarmen Iglesias mostrou a súa sorpresa polo momento en que se deu a coñecer o auto de arquivo da causa, pois foi en pleno mes de agosto cando "es un mes que siempre están todos de vacaciones en el ámbito judicial". De todos os xeitos, recoñece que, dentro das posibilidades de evolución que había para este caso, o arquivo provisional é a decisión máis positiva, pois "el caso queda en stand by y puede reabrirse si la Policía encuentran más pruebas". "Es lo menos malo que podía suceder", indica.

O auto emitiuse xusto dez días antes do que se cumpra o cuarto aniversario da desaparición de Sonia Iglesias o 18 de agosto de 2010. A pesar do arquivo, a familia seguirá cos mesmos plans que xa tiñan para organizar un acto público pedindo que a ausencia da moza pontevedresa "no caiga en el olvido". O venres 22 de agosto convocan unha concentración ás 21.30 horas na praza da Ferrería e ás 22.00 horas farán un percorrido polas rúas do centro de Pontevedra.

Arquivado en