A familia de Sonia Iglesias critica a falta de presión policial sobre Julio Araújo

Pontevedra
22 de agosto 2014

Centos de pontevedreses apoiaron nunha manifestación con motivo do cuarto aniversario da desaparición á familia de Sonia Iglesias que mantén a esperanza de que algún día se descubra a verdade sobre o caso e confía en que a policía poida encontrar un culpable, malia que critica a falta de presión policial exercida sobre o único imputado, Julio Araújo, que "nunca estivo detido"

Mari Carmen Iglesias le un manifesto con motivo do cuarto aniversario da desaparición de Sonia Iglesias PontevedraViva

Transcorreron catro anos dende a desaparición de Sonia Iglesias pero os pontevedreses seguen mostrando o seu apoio á familia da muller desaparecida e así decenas de cidadáns sumáronse á concentración que este venres 22 se desenvolveu na Praza da Ferrería, seguida por unha manifestación polo centro da cidade cunha parada ante o establecemento de traballo de Sonia, momento no que os presentes romperon a aplaudir.

A familia mantén a esperanza de que poida descubrirse a verdade e saber "quen arrebatou a Sonia das nosas vidas e a do seu fillo, o seu grande amor", así expresábao Mari Carmen Iglesias, irmá de Sonia, durante o acto lendo un comunicado de agradecemento ás persoas que se sumaron á concentración.

Mari Carmen Iglesias indicou que seguirán loitando porque se esclareza o caso a pesar de que a xuíza que leva o caso no xulgado de violencia contra a muller "considerou que os datos que permitía sospeitar de Julio Araújo na desaparición da miña irmá Sonia, non son suficientemente sólidos para acordar a continuación do procedemento contra este, procedendo ao seu arquivo".

Por este motivo, todas as esperanzas dos familiares se centran agora no recurso que, tanto a familia coma a fiscalía, interpuxeron para que o caso siga aberto. Neste sentido, Mari Carmen Iglesias tivo palabras críticas coa actuación das forzas e corpos de seguridade porque a pesar de que confían en que a policía siga realizando o seu traballo para encontrar un culpable, entende que "non comezou dunha forma moi acertada, xa que durante estes 4 anos, o ata agora único imputado na desaparición da miña irmá Sonia, xamais estivo detido". Mari Carmen entende que non se exerceu a presión policial suficiente sobre Julio Araújo.

A irmá de Sonia Iglesias insistiu en agradecer o apoio das persoas que os acompañan en "esta loita" porque son as que impiden que "a nosa voz deixe de escoitarse nunca".

Arquivado en