A fábrica de mobles Pomasa doa 110 equipos de protección individual ao Hospital Provincial

Barro
28 de marzo 2020

Un dos socios desta empresa, Julio Preciado, fai un chamamento á colaboración cidadá para superar a crise: "Ou empuxamos todos ou isto non o sacamos"

Julio Preciado, socio de Pomasa, entregou un lote de 110 EPIS ao Hospital Provincial PontevedraViva

"Ou empuxamos todos ou isto non o sacamos", é a reflexión que levou aos socios da fábrica de mobles situada en Barro, Pomasa, a doar 110 equipos de protección individual, coñecidos como EPI, ao Hospital Provincial de Pontevedra para achegar o seu gran de area á seguridade dos profesionais sanitarios na loita contra a pandemia do coronavirus.

As razóns que levaron a esta empresa, fundada por tres socios pontevedreses a principios dos oitenta, a realizar esta entrega débense a que un familiar directo de Julio Preciado, un dos fundadores, é enfermeira neste centro e fíxolle saber as necesidades de material que están a experimentar. De forma inmediata, os traballadores puxéronse a buscar este tipo de material entre os seus provedores ata dar co lote que fixeron chegar este mesmo venres ao hospital.

"Non tivemos ningún problema para facer a entrega nin tampouco fai falta que nos dean as grazas", afirma Preciado, moi implicado en prestar toda a axuda que sexa necesaria para paliar a crise. Tanto é así que xa teñen prevista unha nova entrega. Esta vez de traxes químicos, de maior calidade e duración que os xa doados. En Pomasa ultiman agora os trámites administrativos e técnicos para avalar a seguridade do material e nas próximas datas entregarán o pedido.

"No Provincial por agora non teñen enfermos, están todos en Montecelo pero nós entregámolos alí e logo xa os moverán onde fagan falta", explica o socio dunha empresa especializada na fabricación de materiais para confeccionar mobles de cociña ou de barcos.

Non é a única empresa que está a realizar valiosas mostras de solidariedade nestes días. O Concello de Marín xa fixo pública onte a recepción de centos de litros de hipoclorito para desinfectar, de sulfatadoras para realizar as limpezas e mesmo dunha empresa local que se dedica a limpar as rúas da parroquia de Ardán cos seus propios medios.

E este venres, a empresa marinense Marané Moda infantil fixo entrega na comisaría da Policía Nacional do municipio un paquete de 150 máscaras confeccionadas artesanalmente con tea de algodón de tres capas.