A exposición "50 anos cambiando a historia do cancro" chega a Cerponzóns

Pontevedra
26 de febreiro 2022

Instalada no exterior da Igrexa de Cerponzóns, a mostra recolle exemplos significativos dos avances científicos que se produciron na investigación contra o cancro e que nos últimos anos contribuíron a mellorar a vida dos pacientes

Inauguración da exposición "50 anos cambiando a historia do cancro" en Cerponzóns AECC Pontevedra

Na tarde deste venres 25 de febreiro tivo lugar a inauguración da exposición "50 anos cambiando a historia do cancro" no adro da Igrexa de Cerponzóns.

Esta mostra está promovida con motivo do 50 aniversario da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e recolle exemplos significativos dos avances científicos que se produciron na investigación contra o cancro e que nos últimos anos contribuíron a mellorar a vida das persoas con cancro.

Recala na parroquia pontevedresa tras facer un percorrido por diversas cidades galegas nos últimos meses. Ao acto asistiron Pilar Iglesias, tesoureira da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, ademais de Liliana Casás, presidenta da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e directivos da mesma.

Poderá visitarse ata o próximo 6 de marzo no exterior da Igrexa de Cerponzóns, na rúa de Tilve, 34, de Pontevedra.

A EXPOSICIÓN

A mostra "50 anos cambiando a historia do cancro" recolle un total de 12 fitos nacionais importantes, entre os que se atopan as investigacións da Dra. Marisol Soengas, os notables achados realizados polo seu equipo permitiron conseguir grandes avances na loita contra o melanoma, como o desenvolvemento dun novo tratamento que mellora a efectividade da inmunoterapia nos pacientes con cancro. Ou os resultados do grupo do Dr. Antoni Castells na investigación en cancro de colon demostrando a eficacia do test de sangue oculto en feces para a detección precoz deste tumor.

Ademais tamén se mostran dous fitos pertencentes á provincia de Pontevedra entre os que se atopan o Dr. João M. Fernandes e a Dra. Mónica Martínez.

Fitos como a técnica da  biopsia líquida do Dr. Fernandes, unha análise de sangue que permite axudar a atopar rastros dun tumor no organismo como o seu ADN, moléculas ou mesmo as súas células. O Dr. Fernandes estuda as características das células do tumor que circulan polo sangue e como se relacionan coa agresividade do tumor no cancro de colon.

Grazas ao apoio da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, a Dra. Mónica Martínez estudou certas alteracións no ADN das células tumorais e a súa implicación no desenvolvemento do cancro, especialmente no de pulmón, colorrectal e de cabeza e pescozo. O proxecto continúa e agora a Dra. Martínez leva a súa propia liña grazas a unha nova axuda da Asociación.