A experiencia pontevedresa coa compostaxe serve de exemplo ao Ministerio de Transición Ecolóxica

Pontevedra
06 de novembro 2018

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, xunto co asesor de residuos Carlos Pérez, recibiu este martes ás persoas que forman parte do grupo de traballo de compostaxe comunitaria para abordar a aplicación da nova directiva europea de xestión de residuos orgánicos que obrigará a recoller e compostar o 100% dos residuos orgánicos de maneira separada en 2020

Grupo de traballo de compostaxe comunitaria Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, xunto co asesor de residuos Carlos Pérez, recibiu este martes ás persoas que forman parte do grupo de traballo de compostaxe comunitaria para abordar a aplicación da nova directiva europea de xestión de residuos orgánicos que obrigará a recoller e compostar o 100% dos residuos orgánicos de maneira separada en 2020.

Ademais da Deputación de Pontevedra, o grupo está conformado por representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica, da Universidade Pública de Navarra, do Consorci per á Gestió de Residus, Agência de Residus de Catalunya, do Consorcio de Residuos de Navarra e da Deputación Foral de Áraba, cos que hoxe se abordou a implantación do Plan Revitaliza pontevedrés.

Segundo explicou César Mosquera, o propósito desta reunión, a terceira que celebra este grupo de traballo, é a elaboración dunha guía técnica da compostaxe comunitaria e individual e que este documento poida servir finalmente como base para a futura normativa estatal, autonómica e local.

Tamén ten como obxectivo facer propostas para que a transposición da normativa europea á lexislación estatal "se faga da maneira máis razoable posible".

Gema Gonzalo Pedrero, conselleira técnica da Subdirección de Residuos do Ministerio de Transición Ecolóxica, avanzou que están a traballar nunha orde ministerial para eximir de autorización administrativa ás áreas de compostaxe comunitaria, que actualmente requiren un permiso por parte da autoridade ambiental competente.

Neste sentido, Gema Gonzalo Pedrero apuntou que esta viaxe a Pontevedra serviulle para "establecer los requisitos que se tienen que cumplir a nivel nacional en todas las áreas de compostaje comunitario" para que queden exentas desa autorización.

Nesta xornada de traballo analizaron o traballo feito en Pontevedra coas zonas de compostaxe comunitaria, o protococo de manexo, o mantemento mínimo esixible, a trazabilidad do compost, así como a figura dos mestres compostadores.

Eva Díaz de Arcaya, xefa da sección de Prevención Ambiental do Departamento de Medio Ambiente e Urbanismo da Deputación Foral de Áraba, tamén coincidiu en valorar positivamente esta posta en común, sinalando que "a mi el ‘Modelo Pontevedra’ me parece muy extrapolable" adaptándoo ás singularidades de cada territorio.

Tras completar varias visitas a algúns centros de compostaxe comunitarios, Nora San Sebastián, técnico da Agência de Residus de Catalunya, destacou a "apuesta política y económica muy clara" por parte da Deputación de Pontevedra o que, ao seu xuízo, "asegurará que los procesos de compostaje comunitario tengan un éxito absoluto".

Esta técnico resaltou o "nivel de excelencia" alcanzado polo Plan Revitaliza pontevedrés "que ha conseguido llegar a la profesionalización de la gestión", algo que aínda non se expuxo en Catalunya onde hai despregados máis de 26.000 compostadores.