A Eurocámara aproba o acordo de pesca que expulsa os barcos galegos de Mauritania

Marín
08 de outubro 2013

Cun total de 467 votos a favor, 154 en contra e 28 abstencións os eurodeputados aprobaron o pleno do Parlamento Europeo deste martes o acordo de pesca entre a Unión Europea e Mauritania que expulsa fóra do caladoiro á frota cefalopodera do Morrazo

Sede do Parlamento Europeo Parlamento Europeo

Cun total de 467 votos a favor, 154 en contra e 28 abstencións os eurodeputados aprobaron o pleno do Parlamento Europeo deste martes o acordo de pesca entre a Unión Europea e Mauritania que expulsa fora do caladoiro á frota cefalopodeira do Morrazo.

Finalmente non levaron a bo porto as xestións emprendidas pola Xunta de Galicia para tratar de bloquear a súa ratificación e os europarlamentarios valoraron as melloras técnicas obtidas pola comisaria de Pesca, Maria Damanaki, durante a renegociación do convenio.

Este convenio é o máis importante en volume e variedade de especies dos que a Unión Europea negociou con terceiros países e ofrece licenzas para 12 Estados membros a cambio de 70 millóns cada un dos dous anos que estaría en vigor.

Este acordo confirma a expulsión da flota cefalopodeira galega, na súa maioría barcos de Marín, do caladoiro de Mauritania polo menos ata finais de 2014, data ata a que estará vixente este novo protocolo. Trátase dun novo golpe para uns mariñeiros que criticaron duramente o resultado desta votación na que, segundo o secretario de CIG-Mar, Xabier Aboi, "moitos deputados do PP e do PSOE non votaron pola flota galega".

"ÿ o que hai, o papel que nos dá Europa aos galegos: de desguace, de eliminar o sector e deixarnos como man de obra", afirmou Xabier Aboi. E é que tras este resultado lamenta que unha boa parte dos barcos serán desguazados, mentres que o resto poderían ter certas alternativas en países como Senegal, Guinea-Bissau ou Marrocos, propostas que o sector non termina de ver viables.

En todo caso, desde o sindicato CIG anuncian que tratarán de obter "máis datos" sobre o que votou cada eurodiputado e critican que algún grupo "pediu que non constase". E sobre o labor da Xunta e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, criticou que "apareceu a última hora, tarde, mal e arrastro", ao asegurar que debería terse interesado por este conflito desde o primeiro día. "Pero polo menos fíxoo. Outros nos venderon vilmente", concluiu Aboi.

Arquivado en