A estrada de Almofrei terá tres tramos de sendas peonís e dous con plataforma elevada

Cerdedo-Cotobade
24 de febreiro 2021

Xa se coñecen os detalles da humanización da estrada EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, na que a Deputación de Pontevedra investirá uns 900.000 euros. A obra busca dar prioridade á seguridade viaria nos 1,5 quilómetros de trazado

Obras nunha estrada provincial Deputación de Pontevedra

Xa se coñecen os detalles da humanización da estrada EP-0405 entre Xesteira e Almofrei, en Cerdedo-Cotobade, na que a Deputación de Pontevedra investirá uns 900.000 euros. A obra busca dar prioridade á seguridade viaria nos 1,5 quilómetros de trazado.

Así, segundo costa no anteproxecto técnico, a estrada incluirá tres tramos con sendas -de 842 metros en total- para o tránsito peonil de 2,50 metros de anchura e dous de plataforma elevada de convivencia e preferencia peonil, ao paso polos núcleos rurais que atravesa.

O goberno provincial destaca que se trata dunha obra de "altísima calidade", que corrixe o primeiro proxecto, paralizado no ano 2016 polos "graves defectos" detectados polos servizos técnicos provinciais, que desaconsellaron a licitación da obra.

As obras de humanización serán executadas en varias fases e permitirá transformar a totalidade do seu trazado. O deseño converte a esta estrada nun "auténtico eixe integral de comunicacións", apunta a Deputación, no que os peóns e os ciclistas terán a prioridade.

A estrada queda dividida en seis sectores. Ata o punto quilométrico 0+380 contará cunha plataforma de 7,50 metros de anchura con carrís de 2,75 metros, beiravías de 0,50 metros e a cuneta transitable cun ancho dun metro polo lado do desmonte.

O seguinte tramo ata o punto 0+750 inclúe os primeiros 370 metros de senda peonil de 2,50 metros de anchura. A partir de aquí ata o 0+900 execútase a primeira plataforma de prioridade peonil, que estará sobreelevada 12 centímetros sobre o asfalto e axustarase ás aliñacións das vivendas e peches. Estará acabada en formigón coloreado con bandas transversais de pedra. 

Ata o punto 1+050 volve a senda peonil e de aí ata o punto1+180 execútase a segunda plataforma elevada coas mesmas características que a primeira. Finalmente, inclúese un último tramo de senda peonil de 322 metros máis ata o remate no punto 1+502. 

As obras contemplarán ademais a instalación de redutores físicos de velocidade en toda a actuación e unha nova sinalización horizontal e vertical.

Todo o trazado contará cunha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais, ademais da preinstalación para a rede de alumeado público e a reposición de todos os servizos afectados.