A estación de tren de Pontevedra contará cun "aparcamento seguro" para bicicletas

Pontevedra
21 de setembro 2022

Estes aparcamentos, que serán "modulables, desmontables e integrables nos espazos de cada estación", serán instalacións pechadas e cubertas para protexer ás bicicletas das condicións climatolóxicas adversas, segundo explica ADIF. Permitirán o uso de cadeados e farán fronte a roubos e actos vandálicos

Aparcamento para bicicletas como o que se instalará na estación de Pontevedra ADIF

Cinco estacións de ferrocarril en Galicia, entre elas a de Pontevedra, incorporarán ás súas instalacións o que ADIF cualifica como un "aparcamento seguro" para bicicletas.

Estes aparcamentos, que serán "modulables, desmontables e integrables nos espazos de cada estación", serán instalacións pechadas e cubertas para protexer ás bicicletas das condicións climatolóxicas adversas, segundo explica a compañía.

Permitirán o uso de cadeados e farán fronte a roubos e actos vandálicos. 

A área de estacionamento que se habilitará en Pontevedra terá apertura e peche electromecánicos e un control de acceso intelixente, co fin de permitir o acceso ao aparcamento unicamente aos usuarios rexistrados.

Ademais, a empresa que xestionará este equipamento instalará tamén os aparcamentos coñecidos como "U invertida", que se poderán utilizar de maneira gratuíta.

A instalación destas infraestruturas pensadas para o aparcamento de bicicletas forma parte, segundo ADIF, da súa estratexia de mobilidade sostible nas súas estacións, coa fin de promover a integración de modelos de transporte limpos, o ferrocarril e a bicicleta.