A Escola de Música Bernardo del Río abre a principio de maio o proceso de reserva de praza e matriculación para o curso 2022/23, tanto para o alumnado de novo ingreso como para os que xa están cursando estudos no centro e desexen continuar. Os primeiros deberán solicitar a admisión entre o 2 e o 6 de maio e os segundos renovar a praza do 9 ao 13.
Poden acceder ao centro de ensino musical, os menores a partir de 3 anos. Os educandos de entre 3 a 7 anos (nados entre os anos 2015 e 2019) non precisan sinalar instrumento xa que entrarían nos cursos de Iniciación á Música e nos correspondentes niveis de Música e Movemento.
Os interesados a partir de 8 anos de idade teñen opción a matricularse nas 19 especialidades instrumentais correspondentes aos grupos de corda (piano, guitarra clásica, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, violín, viola, violoncello e contrabaixo), vento-madeira (saxofón, clarinete e frauta traveseira), vento-metal (trompeta, tromba, trombón e tuba) e percusión (batería, timbais, láminas e multipercusión).
TRÁMITE
O alumnado que desexe acceder por primeira vez á Escola Municipal de Música debe presentar a solicitude de admisión debidamente cuberta, preferiblemente vía telemática a través do correo electrónico escolamusica@vilagarcia.gal. Os interesados que non dispoñan de medios telemáticos, poderán achegar a documentación na secretaría da Escola de Música de 10:00 a 13:30h. Os impresos de solicitude de praza poderanse descargar da páxina web www.emmusicavilagarcia.com, así como da sede electrónica do Concello de Vilagarcía de Arousa, sede.vilagarcia.gal (formularios de solicitud 13001). O prazo para realizar este trámite vai do 2 ao 6 de maio.
Do 9 ao 13 de maio será o alumnado que xa cursa estudos musicais no centro Bernardo del Río quen teña que solicitar a renovación de praza.
LISTA DE ADMITIDOS E MATRICULACIÓN
O día 16 de maio publicarase no taboleiro de anuncios do centro e na páxina web www.emmusicavilagarcia.com, a lista de admitidos, os que deberán formalizar a correspondente matrícula na semana do 18 ao 20 de maio na secretaría da Escola de Música.
Os solicitantes que non obteñan praza, quedarán automaticamente na listaxe de espera, pudendo cubrir posibles baixas que se produzan ao longo do primeiro trimestre do curso.