Durante o mes de agosto, realizáronse traballos de mellora na escola infantil de Tenorio, co obxectivo de que as instalacións estivesen en perfecto estado para o comezo do novo curso escolar.
Estas actuacións incluíron labores de limpeza e pintado, a reparación de pavimentos e a revisión da carpintería de aluminio. Ademais, realizáronse melloras nos espazos exteriores do centro, como a reparación do céspede artificial e o arranxo da zona de xogos.
As intervencións foron coordinadas coa comunidade educativa e contaron coa supervisión dos servizos técnicos do Consorcio de Igualdade e Benestar Social e do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Os traballos, executados polo propio Concello, tiñan como fin garantir a comodidade e seguridade das instalacións para os máis de 40 nenos e nenas matriculados este curso. Así, as familias e a comunidade educativa poden dispoñer dun espazo renovado e adaptado para o desenvolvemento das actividades escolares.
Para comprobar de primeira man o resultado destas melloras, o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar Social, Perfecto Rodríguez, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron a escola.
Durante a visita, destacaron a importancia destes traballos de mantemento para garantir un inicio de curso en óptimas condicións.