A "escola de vida" máis divertida, motivadora e inclusiva

Pontevedra
26 de outubro 2022

Laura, Marcos, Martín, Daniel, Javier, Paula e Antón son os sete mozos con discapacidade intelectual que iniciaron neste mes de outubro unha nova edición do curso do Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais que organiza Down Xuntos Pontevedra en colaboración co Concello de Pontevedra

Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais que organiza Down Xuntos Pontevedra en colaboración co Concello de Pontevedra Mónica Patxot

Laura, Marcos, Martín, Daniel, Javier, Paula e Antón son os sete mozos que iniciaron neste mes de outubro unha nova edición do curso do Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais que a asociación Down Pontevedra Xuntos desenvolve en colaboración co Concello de Pontevedra.

Trátase dunha "escola de vida" para sete usuarios con discapacidade intelectual na que aprenden a levar a cabo tarefas cotiás como saír a dar un paseo, ir a unha cafetería, facer a compra, cociñar ou visitar a farmacia. "Estamos moi contentas, é un programa moi produtivo. Nótase moita evolución, sobre todo na rúa. Os vemos máis soltos", recoñecen Beatriz e Belén, nais de dous usuarios deste programa. 

"É unha escola de vida que axuda a que as persoas consigan as maiores cotas para defenderse de maneira autónoma e sempre fomentando a inclusión dentro da sociedade", explica Paula Villaverde Gondar, coordinadora de Down Pontevedra Xuntos, a razón de ser deste programa.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha hai anos ao detectar na cidade a necesidade de moitas familiar de recibir atención personalizada e de calidade a persoas con discapacidade intelectual que se atopaban en situación de desamparo ao carecer dun colectivo específico que velase polas súas necesidades. 

"Aquí aprenden a comportarse, a levar a cabo rutinas como lavarse os dentes, saír a comprar o pan. Antes era imposible saír á rúa, agora evolucionaron moitísimo. Por exemplo, aprenderon a que hai que tocar o semáforo antes de cruzar. Antes, como ían sempre acompañados, non se fixaban. As familias están encantadas, ademais dámoslles tamén rutinas para traballar en casa", explica a profesora Olalla, minutos antes de empezar a actividade do día, que era unha das súas favoritas: ir á cafetería. 

Ao local de Down Xuntos Pontevedra acoden unha vez por semana sete usuarios agrupados en dous grupos de catro e tres persoas cada un. "Teñen de 8 a 21 anos e traballamos con eles durante hora e media á semana nunha serie de áreas como a autonomía persoal, social, doméstica ou urbana", resume a coordinadora. O obxectivo destas sesións en ensinar aos usuarios para actuar antes situacións tanto cotiás como imprevistas.

"Que teñan recursos para facer fronte a situacións de convivencia ordinaria, que son cuestións que, ás veces, non se dan pola protección familiar", explica Villaverde, que este luns explicou o funcionamiento do programa ao concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey

A evolución é incustionable, pero as familias piden máis. "Hora e media á semana é pouco tempo, pero estamos moi agradecidos. Se puidéramos ter máis tempo, estariamos", confesan. Con todo, os sete participantes neste programa poden sentirse afortunados, porque en lista de espera agardan outras quince familias. 

"Fan falta máis prazas, pero temos listaxe de espera porque os grupos son de catro como máximo, facemos unha atención moi personalizada", asume a coordinadora.

Levar a cabo unha vida normal fóra destas aulas é máis complicado. "Conciliamos como podemos, tirando de familia, pero é difícil. É moito mellor para eles e para nós tamén estar aquí, porque nós precisamos algo de descanso e eles relacionarse cos seus iguais e non ir con nós a todas partes, precisan máis ocio", defenden os familiares.

Neste sentido, a oferta lúdica fóra do paraugas de Xuntos é máis que limitada. "Non podemos ir a un museo ou para ir ao concerto non nos deixan pasar ao espazo de discapacitados porque eles non ten problemas de mobildiade. Tamén nos pasou nun PonteNadal, por exemplo, que non me deixaban subir con el a unhas bicis tipo karts porque era un adulto, pero tampouco pode ir só e non había ninguén que o acompañara", denuncian as afectadas.

"Mellorouse moito, pero son pequenas cousas das que te dás conta cando che toca vivilas", lamentan alertando de que "faltan recursos e recursos humanos".

É por iso que Laura, Marcos, Martín, Daniel, Javier, Paula e Antón entran pola porta de Down Xuntos Pontevedra "moi contentos e sempre están pensando no luns". Porque esta escola de vida é tamén unha escola inclusiva, divertida, motivadora... en defnitiva, unha escola de felicidade.