A Escola de Música de Vilaboa, aínda que con complicacións para seguir adiante, mantense optimista

Vilaboa
05 de marzo 2021

A covid-19 está a complicar considerablemente a situación de moitas das bandas de música da provincia, que están ao borde da desaparición ao mermar os ingresos derivados das actuacións en festas e eventos. A agrupación musical confía en recuperar este verán os concertos nas parroquias   

Escola de música de Vilaboa Escola de música de Vilaboa
A actual crise sanitaria está a ter severas consecuencias en todos os sectores sociais, económicos e culturais, e a Escola de Música de Vilaboa non está ao marxe. A covid-19 está a complicar considerablemente a situación de moitas das bandas de música da provincia, que están ao borde da desaparición ao mermar os ingresos derivados das actuacións en festas e eventos. Estas programacións resultaban necesarias para complementar o orzamento anual, explican dende a directiva da Banda de Música de Vilaboa. A agrupación musical confía en recuperar este verán os concertos nas parroquias.

O seu director, Daniel Figueira, mantense optimista: "a ilusión todo o pode, e nós temos un grupo de rapaces e rapazas moi implicados que queren que a súa bandiña siga adiante". Nas vísperas dunha data tan significativa como o 8 de marzo, apunta que case o 70% do alumnado desta escola é feminino.

A ilusión e esperanzas dos escolares son os motivos polos que a banda está a facer todo o posible por seguir adiante e plantarlle cara á pandemia, continuando do mesmo xeito coa formación do alumnado. Pese a respetar todas as restricións impostas nas aulas, ao longo do curso producíronse algunhas baixas. O curso comezaba en outubro con 140 alumnos e as baixas rondaron un 5%, aproximadamente, aínda que dende a directiva o consideran razoable e non lles parece un número demasiado elevado.

A razón, explican, está na teledocencia: "poñer a un rapaz de 8 anos diante dunha pantalla durante unha hora para aprender a tocar a frauta, por exemplo, provocou que aparecese a desmotivación, pero nunha porcentaxe pouco significativa", apunta Daniel Figueira, licenciado en música polo Conservatorio Superior do Principado de Asturias. Ademais engade que traballan "con obxectivos a curto prazo que incentiven aos alumnos na súa aprendizaxe. Comprobar que melloran e que os logran aumenta a súa ilusión por continuar".

A pandemia truncou varios proxectos que a Escola e máis a Banda tiñan en marcha, como foron o festival previsto en Castiñeiras, un musical de Broadway coa cantante suprano Marina Penas, ou as actuacións en festas e eventos que quedaron no aire e finalmente foron substituídos por outros proxectos adaptados ás circunstancias.

Como alternativas buscaron a elaboración doutros proxectos, como un videoclip cunha peza de Deep Purple, á que lle porá voz  o cantante galego Miguel Bello. "Queremos animar a toda a veciñanza de Vilaboa e manter vivo o gusto pola música", sinala Daniel Figueira, que comenta con ilusión a súa esperanza de que a banda percorra este verán as parroquias co ciclo de concertos que non se puido realizar no 2020.

Ademais, o director agarda con esperanza que a Escola de Música de Vilaboa recupere a normalidade, e que a aplicación do protocolo covid quede nun recordo, aínda que é consciente de que ese momento non está preto. Tamén quixo destacar como a correcta aplicación das medidas sanitarias preventivas evitou incidencias e contaxios: "separación de tres metros entre alumnos; as 6 ventanas da Casa de Cultura sempre abertas para ventilar; desinfección de mans e calzado á entrada; toma de temperatura e separación do profesorado por unhas pantallas que nos cedeu o Concello. Esa é a realidade dos alumnos en cada ensaio".

Cun cadro formado por 12 profesores e o empeño de Daniel Figueira de contar cun amplo catálogo de instrumentos de préstamo complican o orzamento anual da escola, que ademais das cotas dos pais conta co respaldo económico do Concello de Vilaboa e máis da Xunta e da Deputación Provincial, xunto a varias empresas da contorna.

Aínda así non é suficiente para cubrir os gastos, e teñen que  buscar outras alternativas. Porén, e tal e como alega o director, paga a pena, "porque estamos moi orgullosos de todos os nosos alumnos e especialmente dos 60 que compoñen a Banda de Música, que se saben continuadores dunha banda que desapareceu en Paredes hai cerca de cen anos" e ademais resaltou a implicación dos mesmos, "merecedora do seu apoio, respeto e admiración".