A Escola de Conservación e Restauración colabora na investigación das pinturas prehistóricas de Cova dos Mouros

Pontevedra
21 de agosto 2022

Xunto á Escola pontevedresa cooperan a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia nesta investigación ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre as tres entidades para favorecer o coñecemento e protección deste espazo considerado Ben de Interese Cultural

Traballo dos investigadores na Cova dos Mouros USC

A Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais, con sede en Pontevedra, está a colaborar no estudo das pinturas prehistóricas da Cova dos Mouros, situada no concello lucense de Baleira. 

Xunto á Escola pontevedresa cooperan a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia nesta investigación ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre as tres entidades para favorecer o coñecemento e protección deste espazo considerado Ben de Interese Cultural.

O acordo permitiu por en marcha unha nova actuación dirixida por Fernando Carrera, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e coordinada por Ramón Fábregas, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, e que contou coa participación dun equipo multidisciplinar de especialistas en restauración e arqueoloxía.

A intervención busca cuantificar con precisión a totalidade das pinturas prehistóricas existentes na Cova dos Mouros,  localizadas por primeira vez en xullo de 2017. Cara a ese fin, realizouse unha acción previa de limpeza que respecta a entidade actual da pintura prehistórica e que facilita o seu acceso. A continuación iniciouse o traballo de documentación das pinturas caracterizando a súa composición e estabilidade e afondando no coñecemento da súa cronoloxía. Os traballos complétanse coa estimación das posibilidades de deterioro e coa proposta de accións de protección e conservación máis axeitadas.

Esta intervención funciona como unha actividade práctica de docencia-aprendizaxe mediante a participación activa de profesorado e alumnado tanto da Universidade de Santiago de Compostela como da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia que ten a súa sede en Pontevedra.

PRIMEIROS ACHADOS

Os novos traballos na Cova dos Mouros dan continuidade aos realizados nos anos 2017 e 2018 que permitiron confirmar a existencia de ocupacións humanas prehistóricas neste abrigo e a localización dos primeiros restos de pintura. A día de hoxe figuran xa localizados 11 paneis pictóricos compostos por semicírculos, barras verticais e algunha representación antropomorfa, realizadas, todas elas, con pigmento de cor vermello.