Galicia xa conta oficialmente cun novo centro integrado de formación profesional. É a Escola de Cantería de Poio, que tras o seu traspaso á Xunta de Galicia se transforma nun centro especializado no sector da edificación, a construción e a cantería.
Así se recolle no decreto de transformación da escola en CIFP aprobado no Consello da Xunta.
Na práctica, a transformación desta escola en centro integrado tradúcese nun reforzo da oferta académica con catro novas titulacións para o vindeiro curso, entre as que se atopa a titulación de alta especialización en pedra natural en cantería, con 22 prazas.
A maiores, neste novo CIFP tamén se poderá cursar o ciclo básico en reforma e mantemento de edificios (18 prazas), e os ciclos de FP dual en construción (22 prazas) e en proxectos de edificación (30 prazas).
Todos eles suman un total de 92 prazas de nova oferta para o vindeiro curso e o compromiso de seguir incrementando o número ano a ano ata superar as 300.
Plásmase así o reforzo da oferta vinculada á construción e restauración de edificacións en pedra e ao deseño da produción e á restauración de pezas artísticas en pedra.
Ademais, tamén se impulsa a formación no ámbito artístico mediante a produción de elementos escultóricos en pedra, incluíndo a súa restauración.
Este impulso enmárcase no compromiso acadado logo de que o goberno autonómico asumira o ano pasado a titularidade da Escola de Cantería de Poio -dependente da Deputación de Pontevedra- para converterse nun centro público docente da Consellería de Educación.
Este cambio, destaca o goberno galego, tradúcese en melloras importantes para o alumnado.
A partir deste curso, ensinanzas que eran consideradas como formación non formal pasan a ser seis títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.