A enfermería galega poderá dispensar medicación sobre queimaduras, diabetes ou hipertensión a partir do outono

Pontevedra
01 de agosto 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou este luns o centro de saúde da Estrada, tras recibir o premio ao mellor equipo de enfermaría de España por parte do Consello Xeral de Enfermaría

O conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, visita o centro de saúde da Estrada Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este martes que, a partir do outono, a enfermaría galega poderá dispensar medicación relacionada coa hipertensión, a diabetes ou as queimaduras.

O dirixente fixo este anuncio nunha visita ao centro de saúde da Estrada, ao que acudiu para felicitar ao equipo de enfermaría polo recoñecemento do Consello Xeral de Enfermaría, “que os sitúa como a mellor enfermaría de primaria de España”.

A Consellería de Sanidade está a traballar na posta a disposición do persoal de enfermaría de protocolos “que permitan estender consultas de alta resolución a máis demandas sanitarias que se poidan resolver dende a enfermaría”, como é o caso do seguimento e control dos tratamentos anticoagulantes orais que, dende o ano pasado, estendeuse a toda Galicia.

En consecuencia, Sanidade quere poñer a disposición deste colectivo, a partir de outono, “preto de 40 protocolos de enfermaría avanzada que permitan a estes profesionais resolver, de forma autónoma, consultas sobre subas de tensión arterial, infeccións urinarias e outras demandas sanitarias comúns”.

Esta medida compleméntase coa posta en marcha, por parte da Xunta, nos centros de saúde galegos, dun sistema de Xestión Integrada de Demanda en Equipo (XIDE), que xa funciona en máis de 50 centros, “e que potencia todas as categorías profesionais, posto que dirixe ao paciente directamente ao profesional máis axeitado para atendelo, evitando, deste modo, que todas as consultas teñan que pasar polo médico”.

O conselleiro avoga pola concepción do traballo do centro de saúde como un labor en equipo, “que ten que ser multidisciplinar e coordinado, para dar a mellor asistencia ao paciente e para poder facer actuacións reais de mellora da saúde comunitaria”. Este modelo de traballo, o Sergas o quere consolidar por medio dos Plans Locais de Saúde, que funcionan xa en 14 servizos de primaria, un deles o da Estrada, e que o Executivo galego o quere ampliar a máis de 40 neste ano.