A endoscopia con intelixencia artificial avanzada será probada no Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario

Pontevedra
16 de xullo 2023

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é un dos tres seleccionados en España para realizar esta proba e un dos centros elexidos mundialmente pola empresa Olympus para a proba deste instrumento. O Servizo de Dixestivo de Pontevedra conta con sistemas de intelixencia artificial no 80% das súas salas de endoscopia, que permiten unha detección máis precisa dos danos

Sistemas de intelixencia artificial avanzada no servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra - SERGAS

O Servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), xunto a outros dous centros en España, foi seleccionado para realizar a proba de dous sistemas de endoscopia con intelixencia artificial avanzada, que completaron con éxito a súa implantación no centro hospitalario pontevedrés.

A compañía Olympus cede estes equipos que completan a oferta tecnolóxica da área de endoscopia. Desta forma, este Servizo de Dixestivo é un dos poucos en todo o mundo que utiliza estes sistemas de endoscopia que permiten mellorar a exploración de pólipos e adenomas. 

Juan Turnes, xefe do servizo de Dixestivo, explica que grazas á intervención en diversos proxectos de investigación, o departamento conta con sistemas de intelixencia artificial que permite a detección de lesións colorrectais no 80% das salas de endoscopia do CHUP. Este doutor aposta de maneira firme desde os seus inicios pola innovación tecnolóxica en materia sanitaria.

Esta selección para formar parte deste estudo, segundo a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, mostra a capacidade loxística e técnica do servizo de Dixestivo de Pontevedra na avaliación destes instrumentos.

Recentemente, este servizo anunciaba a posta en marcha do sistema PolyDeep, de deseño totalmente galego e que forma parte dun proxecto do IIS Galicia Sur no que participan varias áreas sanitarias.