A empresa inicia unha investigación propia sobre o incendio en Pontesa, onde almacena 42.000 toneladas de gran

Pontevedra
11 de novembro 2022

Galigrain ten alugadas as antigas naves de Pontesa desde 2018 e almacena alí aproximadamente 42.000 toneladas de gran, fundamentalmente cebada e produtos de xirasol. Quixo deixar pasar dous días de loito por Benito González  e agora quere esclarecer os motivos e circunstancias do sinistro. Asegura que cumpre todos os requisitos e condicións legais esixibles

As instalacións de Pontesa, tres días despois do incendio Mónica Patxot

Galigrain, a filial do GrupoNogar propietaria do gran almacenado na antiga fábrica de cerámica de Pontesa, iniciou a súa propia investigación para aclarar o ocorrido no incendio declarado o domingo na nave e que deixou un falecido e dous feridos. 

Segundo a información facilitada pola propia empresa este venres, Galigrain ten alugadas as antigas naves de Pontesa desde 2018 e almacena alí aproximadamente 42.000 toneladas de gran, fundamentalmente cebada e produtos de xirasol. 

A empresa quixo deixar pasar dous días de loito como "mostra do profundo respecto e afecto" que unía ao equipo humano do GrupoNogar con Benito González Dopazo, o operario falecido, que era desde hai 30 anos uno dos principais responsables da operativa de Galigrain en Galicia como encargado da supervisión e coordinación do traballo de medio centenar de traballadores.

Agora, inician esa investigación co obxectivo de esclarecer os motivos e circunstancias do sinistro.

Paralelamente, a empresa colabora desde o primeiro momento coas autoridades facilitando todos os datos, documentación e axuda requirida na investigación oficial da Policía Nacional para esclarecer o sucedido.

A compañía aínda non puido analizar o estado das instalacións tras o incendio do domingo e non poderá acceder ao interior para avaliar os danos ata ter garantías de que se fai en condicións de seguridade e contar co permiso das autoridades competentes. A Inspección de Traballo mantén importantes restricións no acceso ás instalacións pola presenza de amianto. 

Galigrain insiste en que a seguridade e saúde laboral é "prioritaria" para eles e "unha das pedras angulares" da política da compañía, que ostenta para o desenvolvemento da súa actividade todos os permisos e protocolos de seguridade e prevención de riscos laborais necesarios, incluídas medidas antiincendios.

A través dun comunicado, a empresa insiste en que cumpre todos os requisitos e condicións legais esixibles, e emprega as mellores técnicas e prácticas dispoñibles. 

Arquivado en