A empresa Gramade poderá iniciar o luns as obras de reparación do colexio de Barcelos

Pontevedra
11 de maio 2024

A intervención, que asume integramente a construtora que executa o edificio lindeiro, ascende a máis de 73.000 euros e permitirá reparar o ximnasio, que é a zona máis danada, pero tamén o resto de instalacións como os vestiarios, aseos, patio, sala de profesorado ou a vivenda do conserxe

Obras de construción dun edificio ao carón do colexio de Barcelos Mónica Patxot

Está todo listo para que a partir do luns, a construtora Gramade inicie os traballos de reparación do ximnasio do colexio de Barcelos, ademais doutras instalacións do centro. Todas elas víronse afectadas polo desmonte da parcela lindeira (na rúa do Rouco) para a construción dun edificio que está a executar a mesma empresa que agora asume a reparación.

Segundo o proxecto elaborado polo Concello de Pontevedra a intervención ascenderá a 73.039,14 euros que paga integramente Gramade.

O Concello informou esta semana tanto á Consellería de Educación como á Dirección do centro de que está todo disposto para que a empresa poida iniciar a reparación o luns, 13 de maio.

Logo da aparición de fendas e danos no edificio a finais de novembro de 2023, o Concello de Pontevedra ordenou a paralización da obra, a consolidación das estruturas do desmonte da parcela lindeira e contratou unha diagnose en decembro de 2023 sobre a situación do centro de ensino e un proxecto de reparación. O obxectivo era garantir a seguranza de toda a comunidade educativa e recuperar o uso da instalacións actualmente pechadas (acceso pola rúa do Rouco, sala do profesorado, ximnasio, instalacións anexas, patio...) con "criterios de excelencia".

As obras comezarán por elevar, asegurar e afianzar a cimentación do pavillón e, a partir de aí, realizaranse obras de diferente teor en función das necesidades construtivas nos muros e paramentos, tamén a reparación das fendas con resina ou morteiro, grampas e técnicas de arriostramento.

Ademáis procederase á desmontaxe de muros de cantaría e reconstrución posterior, á demolición e reconstrución de todos os muros que o precisen. Nos pisos cometerase a reparación de todos os azulexados, pintados, falsos teitos, portas, fiestras... que o precisen e a reparación da instalación eléctrica.

O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, explica que "se non xorden inconvenientes", o CEIP de Barcelos funcionará con completa normalidade no curso 2024-25.