A empresa construtora de Pasarón, a xuízo por supostas facturas falsas nas obras do estadio

Pontevedra
08 de novembro 2014

A instrutora da trama de facturas falsas Las Cinco Jotas acordou a apertura de xuízo oral contra a construtora Oreco por presuntos delitos de falsificación e contra a Facenda pública. Segundo informa o diario El País na súa edición de Galicia, investíganse dez facturas, dúas delas relativas á construción de Pasarón

Estadio de fútbol de Pasarón Mónica Patxot

A construtora Oreco, empresa encargada da reforma do Estadio Municipal de Pasarón, irá a xuízo por presuntos delitos de falsificación e contra a Facenda pública.

Segundo informa Elisa Lois na edición Galicia do diario El País, a xuíza instrutora da trama de facturas falsas do grupo empresarial 'Las Cinco Jotas' ten decicido abrir xuízo oral contra Oreco, involucrada nunha das pezas separadas da trama.

A investigación céntrase no período comprendido entre os anos 2006 e 2008, no que Oreco tería recibido dez facturas da empresa Las Cinco Jotas por traballos que supostamente non se realizaron, correspondendo dúas delas á construción de Pasarón.

Estas facturas referidas ao estadio teñen a mesma data e foron emitidas por dúas das sociedades do grupo investigado, segundo explica o citado diario, co concepto de traballos de albanelaría e de recollida e limpeza á conclusión dos partidos durante un período de seis meses.

A xuíza encargada da instrución imputou na causa, entre outros, ao xefe de departamento de Oreco, José Benito Vizcaíno, acusado de presunta falsidade documental continuada.