A emoción de Feijóo na súa cuarta toma de posesión como presidente da Xunta: "É máis emocionante que a primeira"

Pontevedra
05 de setembro 2020

O acto formal no que prometeu o seu cargo celebrouse este sábado no Salón de Reis do Parlamento de Galicia con medidas de seguridade estritas derivadas da pandemia, unha cerimonia moi distinta na que a representación pontevedresa incluíu a Mariano Rajoy, Ana Pastor, Pilar Rojo e Francisco Millán Mon

Toma de posesión de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta

Moi emocionado, por momentos coa voz quebrada e noutros incapaz de seguir o seu discurso. Así tomou posesión este sábado Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta de Galicia. Era xa a súa cuarta investidura e poderá pensarse que a experiencia podería rebaixar a emoción do acto, pero todo o contrario. O propio mandatario rematou a súa intervención pedindo “permiso e perdón pola emoción” e xustificando que “lles podo asegurar que tomar posesión por cuarta vez é máis emocionante que a primeira".

Esa emoción, moi marcada polos “tempos difíciles que nos toca vivir”, foi especialmente evidente cando se lembrou das súas orixes e do seu mentor, o ex presidente Manuel Fraga, e tivo que interromper o seu discurso cando confesou que “nunca esquecerei de onde veño, a familia que me criou e a familia ampliada que hoxe teño”. Case sen poder falar, avanzou que “para exercer coa humildade necesaria e, para cumprir axeitadamente co meu deber, sempre terei presente a quen me debo: a Galicia”

Esta toma de posesión supón abrir para Feijóo o seu cuarto mandato e o de maior apoio, pois nas eleccións do pasado mes de xullo logrou un respaldo maioritario de 42 dos 75 deputados no Parlamento de Galicia. El interprétao como o apoio que dan os galegos a unha política moderada e estable. ”Galicia acudiu á súa cita con Galicia para enviar unha mensaxe elocuente que se resume en dous principios: moderación e estabilidade”, sostivo.

O discurso, como adoita ser habitual neste tipo de situacións para Feijóo, mesturou o galego e o español. Optou pola lingua de Cervantes para dirixirse á ministra de Política Territorial y Función Pública, Carolina Darias, presente no acto, á que agradeceu a felicitación de Pedro Sánchez e o seu compromiso de colaboración. Avanzoulle que é recíproco porque a cooperación, que sempre é necesaria, “se ha vuelto imprescindible en la actual situación y la Xunta seguirá siendo una administración leal y colaboradora”. 

Nesta cerimonia tan distinta tamén quixo facer gala de sinceridade e recoñeceu que se descoñece toda a dimensión dunha crise que modifica o estilo de vida e que soamente se poden facer previsións sobre o impacto que pode chegar a ter nos diferentes sectores económicos e o tempo que se necesitará para recuperar o que se perda. Tras esta confesión, unha declaración de intencións, pois asegurou que “Galicia non vai ser gobernada polos acontecementos, nin será un espectador pasivo”. 

“Actuamos, preparámonos, anticipámonos, cooperamos e podemos estar seguros de que, como noutros momentos da nosa historia, tamén a máis recente, xuntos volveremos superarnos”, defendeu, lembrando ás vítimas da pandemia da Covid-19  e convencido de que máis pronto que tarde, "Galicia, como España, como o mundo, vivirá a normalidade sen adxectivos que todos merecermos”. 

O acto formal no que prometeu o seu cargo celebrouse este sábado no Salón de Reis do Parlamento de Galicia con medidas de seguridade estritas derivadas da pandemia e non incluíu o acto civil que adoitaba celebrarse na praza do Obradoiro. Dentro do Pazo do Hórreo, ademais, reduciuse o número de convidados e os presentes estiveron repartidos por distintos corredores e salóns, para evitar aglomeracións. No salón central, arroupándoo, non faltaron as súas nai, parella e irmá, Sira Feijóo, Eva Cárdenas e Micaela Núñez Feijóo. 

As restricións da pandemia que reduciron o número de convidados non desluciron o acto, que no tamén estivo acompañado polo ex presidente do Goberno e do PP, Mariano Rajoy; ademais do actual líder nacional do PP, Pablo Casado; Carolina  Darias; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; ou os presidentes de Andalucía, Juanma Moreno, Madrid, Isabel Díaz  Ayuso, e Castela e León, Alfonso Fernández  Mañueco. 

Non faltou representación pontevedresa e, ademais de Rajoy, estiveron a deputada por Pontevedra e ex presidenta do Congreso, Ana Pastor; a ex presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; ou o eurodeputado Francisco Millán Mon. Ademais, acudiron os dous voceiros da oposición na Cámara galega, Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSOE).