O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para demandar á Xunta que retome o proxecto de dragaxe do río Lérez. Lembran dende o partido nacionalista que este asunto iniciou a tramitación en 2011 e "leva doce anos dando tumbos nos despachos da Administración".
A iniciativa do BNG demanda á Xunta a aprobación de tres medidas. A primeira consistiría en impulsar o proxecto de dragaxe do río Lérez, tomando como referencia o acordo parlamentario unánime de xuño de 2019. A segunda solicita a realización no último trimestre de 2023 dun estudo e unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos extraídos que pola súa potencial carga contaminante non sexan susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría. En terceiro lugar, incluír no orzamento da Xunta para 2024 unha partida que permita sufragar a primeira fase das obras de dragaxe.
O deputado nacionalista Luís Bará lembra que o Parlamento galego aprobou en xuño de 2019 unha proposición non de lei na que se insta á Xunta á elaboración dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garante que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, en especial á ría de Arousa.
Malia este acordo, indican dende o BNG que tanto a conselleira do Mar como a directora de Portos de Galicia seguiron defendendo publicamente a proposta de depositar os lodos na ría de Arousa e desbotaron a posibilidade de retiralos e tratalos en terra polo seu alto custo e pola incidencia do tráfico de camións no centro da cidade de Pontevedra.
Luís Bará insta á Xunta a "deixar de poñer escusas" e responsabiliza ao presidente Alfonso Rueda da "parálise dun proxecto que é fundamental para a rexeneración do fondo da ría e para a mellora da navegabilidade do río".