A do Lérez será "praia libre de fume" e contará con socorristas e balizamento a partir do sábado 27 de xuño

Pontevedra
17 de xuño 2020

Ademáis, como novidade, as casetas dos socorristas e dos baños da praia fluvial estrearán carteis e vinilos coa nova imaxe Verde Urbano, a rede de espazos naturais do contorno urbano de Pontevedra

Socorrista na praia fluvial do río Lérez Diego Torrado

A praia fluvial do Lérez contará con servizo de socorristas, balizamento perimetral da zona de baño con boias e catro quendas de desinfección e limpeza dos baños a partir do sábado 27 de xuño.

Ademáis, como novidade, as casetas dos socorristas e dos baños da praia fluvial estrearán carteis e vinilos coa nova imaxe Verde Urbano, a rede de espazos naturais do contorno urbano de Pontevedra.

Entre outras informacións, a renovada cartelería da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural anunciará a decisión do edil Iván Puentes de declarar este espazo "praia libre de fume", unha medida adoptada ante o perigo de contaxio da Covid-19 que supoñen os restos de saliva nas cabichas dos cigarros que se botan á area.

O seu departamento realizará este ano un investimento global duns 46.000 euros á execución dun paquete de dotacións e obras destinadas a poñer a punto a praia de cara á nova normalidade, entre as que se inclúen a contratación dun aporte de 450 metros cúbicos de area á empresa EC Casas por 15.000 euros, un zafarrancho de limpeza, sega e desinfección en profundidade, a cobertura das redes antiherbas e a retirada de tubaxes rotas.

Iván Puentes explica que, ademais de amosar nun plano a ubicación das duchas, os baños, o merendeiro, a zona de baño delimitada polas boias e a caseta dos socorristas, o novo panel informativo ofrecerá datos de contacto sobre os servizos de Emerxencias 112 e tamén fará fincapé na necesidade de manter un comportamento cívico, de manter un ambiente agradable, de falar e escoitar música cun volume baixo e de empregar as papeleiras para os refugallos.

"Un símbolo e unha mensaxe deixarán ademais ben claro que estamos ante unha praia libre de fume", subliña o concelleiro de Medio Natural.

Segundo apunta o edil do PSOE, esta remodelación completarase en breve coa instalación dunha cadeira de vixilancia para os socorristas e a adquisición dun mastro e de bandeiras de cores para sinalar se o baño se permite, debe facerse con precaución ou está prohibido.

En Ponte Sampaio será a Cruz Vermella a encargada de prestar o servizo, tamén a partir do 27 de xuño, pero só estará operativo nas fines de semana e festivos.