A desesperación dunha veciña tras meses denunciando lodos, gasolina e fecais no rego de Valdecorvos

Pontevedra
25 de maio 2024

Unha veciña do barrio de Valdecorvos quere facer público o caso porque xa non sabe a que máis portas tocar para que a autoridade competente tome cartas no asunto dunhas verteduras que dende hai tres meses chegan ao rego de Valdecorvos, cuxas augas desembocan directamente no río Lérez

Esta veciña explica todas as desfeitas que sofre o rego de Valdecorvos por mor de tres meses de verteduras Mónica Patxot

O 19 de febreiro de 2024. Este é o día que Yolanda, veciña do barrio de Valdecorvos (Pontevedra), marca como a data "na que empezamos a detectar certas irregularidades como o cambio do curso do río, cheiros de feces horrorosos, auga sucia das escavacións das obras que a verten directamente ao río sen ningún tipo de filtración", indica en conversa con PontevedraViva.

A data exacta confírmaa consultando a galería do seu móbil. Ese día tomaba a primeira fotografía dunha longa lista de instantáneas e vídeos nos que foi documentando a evolución dunha serie de verteduras, principalmente de lodos, gasolina e fecais, que levan dende entón aparecendo no rego de Valdecorvos.

Antes de continuar o relato, situamos a zona: parque de Valdecorvos, un dos pulmóns verdes de Pontevedra, no paseo que discorre en paralelo á Rúa Prado Novo, seguindo o curso do rego de Valdecorvos, cuxo caudal é o principal afectado por estas verteduras.

"E eu pregúntome: Todas as augas sucias destas obras, onde verten? Ao río de Valdecorvos. Onde verte o río de Valdecorvos? O río Lérez", manifesta esta veciña para mostrar as implicacións que pode conlevar non atallar este problema a tempo. O rego de Valdecorvos, concreta, desemboca no Lérez á altura da ponte dos Tirantes e "que hai uns días aparecese unha vertedura marrón xusto aí non me parece casualidade", sospeita.

Esta cidadá lamenta que pasasen tres meses dende que deu a voz de alarma sen que ninguén asuma a súa responsabilidade ou algunha autoridade achegue unha solución.

Expón que cando detectou a primeira vertedura procedente das obras de edificación de novas vivendas da Rúa Prado Novo procedeu a chamar á Policía Local. Os axentes municipais informáronlle que era a Policía Autonómica a competente neste caso, pero ao telefonar a este organismo autonómico, para a súa sorpresa, os axentes volveron derivala á Policía Local.

De novo en contacto cos locais, "moi amables viñeron e dixéronme que o único que podían facer era un informe conforme estaban vertendo augas ao río directamente, sen ningún tipo de filtro nin control, e tamén detectaron o cheiro a feces".

A Policía Local regresou nunha nova ocasión e elaborou un segundo informe. Esta segunda visita produciuse cando un forte cheiro a gasolina alertou a esta cidadá mentres paseaba en compañía do seu marido, quen comenta que a cen metros de distancia, dende a rúa, xa se percibía un fedor intenso a gasolina, "que ata a policía sorprendeuse, e mirábase a auga por encima con todos os aceites da gasolina", confirma o home.

Esta versión reafírmaa Antón Masa, o presidente da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) á que Yolanda, desesperada, acabou dirixíndose. "Ela contactou con nós e efectivamente cheiraba moito, tentamos ver de onde viña pero non o conseguimos. Nós daquela, hai uns dous meses, chamamos ao Seprona e ao 112, pero bueno, despois, como sempre, non dan ningún tipo de información", sinala Masa por teléfono a preguntas deste medio.

Ademais dos fortes cheiros e os residuos visibles, a principios do mes de marzo apareceron no rego de Valdecorvos unhas pacas de palla para tentar frear a saída de verteduras ao río. "Aínda están aí, vense dende o paseo, teñen restos marróns ao redor, pero non bloquean nada, a auga sucia segue correndo cara o río", apunta Yolanda.

Este foi o detonante para que en data 12/03/2024 presentase por Rexistro no Concello de Pontevedra un escrito no que, textualmente: "Solicita inspección de obra no parque de Valdecorvos por afectar o río". Na exposición de motivos explica que puido observar que as obras en dúas edificacións "afectan o leito do río e á vexetación, ocupando máis terreo do que estaba previsto" e destacando o problema de que a auga apareza "turbia". Yolanda lamenta que, pasados dous meses, aínda non obtivese resposta.

Esta cidadá quere facer público o caso porque xa non sabe a que máis portas tocar para que a autoridade competente tome cartas no asunto. É consciente de que non se pode impedir que se constrúa en Valdecorvos, pero esixe que estas obras se realicen con responsabilidade, para que non haxa quelamentar un dano ambiental maior nunha contorna natural única.

Yolanda e o seu marido insisten en que todos os veciños cos que habitualmente se atopan nos seus paseos diarios pola senda de Valdecorvoslles manifestan o seu apoio nesta loita. "Falamos en nome de todos eles", aseguran. Pese ao desgaste destes tres meses, non pensan tirar a toalla aínda que, recoñecen, neste momento senten impotencia ante a pasividade das autoridades.