A Deputación xestiona 15 programas europeos cun investimento global de 24 millóns de euros

Pontevedra
09 de maio 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva celebrou este xoves o Día de Europa facendo balance dos proxectos que financia a Unión Europea para a construción "dunha provincia con máis recursos e máis dereitos"

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra Nacho Fuentes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva celebrou este xoves o Día de Europa facendo balance dos proxectos que financia a Unión Europea para a construción "dunha provincia con máis recursos e máis dereitos". 

A Deputación está a xestionar 15 proxectos europeos dotados con 24 millóns de euros.

Carmela Silva sinalou que son iniciativas destinadas a fortalecer o medio ambiente, impulsar o desenvolvemento económico e a modernización industrial, dinamizar os sectores primarios, poñer en valor o turismo e promover o emprego, emprendemento e a formación.

Para recoller toda essta actividade a administración provincial editou un catálogo no que se recollen polo miúdo estes programas con financiamento europeo.

Carmela Silva citou iniciativas como IN 4.0 de adaptación do modelo de industria 4.0 ao sector da construción naval.  Tamén se referiu ás actuacións para impulsar un territorio máis sustentable como o proxecto Estraee (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) e a iniciativa de eficiencia enerxética a través de iluminación exterior sustentable e substitución de caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa.

A través de achegas da Unión Europea, a Deputación de Pontevedra está a configurar unha Eurorrexión Norte de Portugal–provincia de Pontevedra que aposte por impulsar experiencias piloto de xestión e turismo transfronteirizo e proxectos que impulsen o emprego a ambas beiras do Miño a través dos proxectos Visit Minho e Smart Minho.

No eido do emprego, o emprendemento e a formación a presidenta da Deputación de Pontevedra mencionou ata nove proxectos en marcha con recursos europeos entre os que se atopan DepoEmprende 2016 e 2017, PracticumDepo, o coworking de Barro, DepoIntegra Xoven, Labora 2020, Millenials, Depoverde e Depoapicultura. 

Amais, a institución provincial está tamén a impulsar con financiamento europeo iniciativas encamiñadas á mellora do sector turístico como Tourist Inside Rías Baixas e Protura.